A METADE DOS DANOS EVITABLES NA ATENCIÓN SANITARIA SON CAUSADOS POR UN MAL USO DA MEDICACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 09 2022

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras súmase hoxe á OMS na celebración do Día Mundial da Seguridade do Paciente, destinado a mellorar as prácticas seguras e de calidade que, baixo o lema “medicación sen dano”, este ano ten por obxectivo reducir e concienciar dos riscos de facer un mal uso dos medicamentos.

Os danos causados pola medicación representa o 50% do total dos danos evitables na atención sanitaria, e estímase que entre o 5 e o 10% dos ingresos hospitalarios  e entre o 10 e o 30% das consultas aos servizos de urxencias son debidos a un evento adverso por medicamentos. Este alto porcentaxe derivase precisamente das altísimas cifras de uso.

A prescrición e dispensacion de medicamentos son o procedemento sanitario máis habitual. De feito, en Ourense este ano, en só sete meses, de xaneiro a xullo, dispensáronse nas farmacias 5.218.659 de envases de fármacos, tendo en conta só os receitados polo persoal medico. Unha media de 760.000 ao mes, 25.000 ao día, e só é unha parte, xa que moitos máis empreganse diariamente nos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras.

Os medicamentos salvan vidas, melloran e protexen a saúde, non si, ás veces poden causar danos graves se se almacenan, prescriben, dispensan ou administran indebidamente ou se controlan de forma insuficiente.

Infórmate, Comproba e Pregunta

A OMS propón aos profesionais e pacientes tres consellos: Infórmate, comproba e pregunta. No caso do profesional, a comprobación pasa por chequear especialmente cinco momento críticos, no que estremar as precaucións e que, ao longo desta semana estiveron presentes en todas as pantallas dos ordenadores do persoal da Área Sanitaria.

A práctica segura dos pacientes ou seus coidadores pasa tamén por informarse, e comprobar as doses, as horas ou intervalos entre tomas e, por suposto, preguntar aos profesionais ante calquera dúbida, pregunta que os profesionais tamén poden adiantar, comprobando que son entendidos.

Enquisa en redes sociais

Preguntar e difundir é precisamente a orixe dunha novidosa iniciativa da Unidade de Calidade, que mañá lanzará unha enquisa a través das redes sociais da Área SAnitaria de OUrense, Verín e Valdeorras (Facebook e Twitter) para contribuir ao mellor uso da medicación, tentando implicar e concienciar a poboación sobre algúns dos erros máis comúns no seguemento dos tratamentos.

A información recollida tamén aportará información aos profesionais sobre as áreas de coñecemento e práctica que requiren máis atención, para formar  e informar aos pacientes  a responsabilizarse do seu coidado, por medio dun mellor uso dos fármacos.

Puntos críticos na transición de centros ou servizos

Ademais da polimedicación, moi habitual nos pacientes crónicos, un punto de alto risco é a transición entre os distintos servizos asistenciais,  primaria-hospitalaria, desde urxencias a outras consultas ou ao ingreso ou alta nun hospital.

Como resposta na nosa Área Sanitaria, en liña coa estratexia do Servizo Galego de Saúde, desenvólvese o Programa de mellora da calidade na atención ao paciente crónico e polimedicado, en marcha desde 2011, centrando a atención, revisión e seguemento da medicación en dous tipos de pacientes: os que teñen prescritos medicamentos de especial risco en pacientes crónicos, que en Ourense son máis de 4500 persoas,  e aqueles que acaban de ser dados de alta do hospital.

Desde atención primaria a revisión da medicación de pacientes tambien se actíva ante determinadas transicións asistenciais, como o ingreso nunha Residencia Sociosanitaria; cando se procede á homologación dunha medicación ou ao alta hospitalaria. Pola súa banda desde os tres hospitais realízase a conciliación da medicación ao ingreso no hospital, e nalguns servizos tamén na alta a domicilio, como en Medicina Interna.

Nos últimos anos tamén se foron introducindo múltiples melloras para limitar os riscos, tanto no Servizo de Farmacia, coa automatización e dixitalización para limitar riscos durante a manipulación, distribución, recepción ou almacenamento de fármacos, como con outras practicas seguras, como o sistema de prescrición electrónica, implantado en toda a área Sanitaria, que aporta vantaxes tanto para profesionais como pacientes, e a nivel interno dentro dos hospitais, facilitando a coordinación entre a farmacia central e o persoal médico e de enfermería. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde