NOVE NOVAS ENFERMEIRAS ESPECIALISTAS FORMADAS EN OURENSE INICIAN A SÚA CARREIRA PROFESIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 09 2022

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras despedíu nun acto presencial, sen quendas nin limitación de aforo, ás novas nove especialistas de enfermería (EIR) que remataron a súa formación postgrao en Atención Familiar e Comunitaria, Obstetricia e xinecoloxía (matronas), de Saúde Mental, e Pediatría, estas últimas son xa a primeira promoción desta especialidade en Ourense.

Por vez primeira as enfermeiras especialistas celebran este acto de xeito separado do resto de residentes, debido aos numerosos cambios que a pandemia impuso no calendario de inicio da formación especializada nas distintas disciplinas. De feito, o remate do curso dos médicos internos residentes (MIR) psicólogos (PIR) e farmaceúticos (FIR)  rematou este ano en maio.

Por especialidades, este ano tres rematan a súa formación en Atención Familiar e Comunitaria, dúas Obstetricia e xinecoloxía (matronas), dúas Saúde Mental, e dúas a de Pediatría. Estas últimas son a primeira promoción desta especialidade en Ourense, e todas elas permanecerán vencelladas laboralmente na Área Sanitaria de Ourense.

Todas elas superaron unha dura etapa de aprendizaxe,  de dous anos na que a declaración da pandemia veu a alterar a súa rutina formativa e circuítos de traballo, e na que o seu esforzo foi fundamental.

Traballando en primeira liña

Os e as residentes que agora rematan, contribuiron desde os seus servizos ou formando parte dos dispositivos que se abriron para loitar contra a pandemia, como o servizo de atención telefónica ESCAH, na atención as residencias integradas de Os Miragres e Piñor, ou organizando respostas innovadoras a esta crise, como co envio a domicilio de medicación organizado desde Farmacia, o telefono de atención de Pediatría, de Xinecoloxía; no seguemento proactivo deste atención primaria... 

Unha vez mais, desde a Dirección da Área Sanitaria de Ourense deséxase facer público o seu agradecemento ao masivo compromiso e dispoñibilidade, así como do conxunto de todos os e as residentes en formación, que continúan a prestar un servizo imprescindible nestes días, con dedicación e espírito solidario. 

A apertura do acto de clausura do curso correu a cargo do xerente Félix Rubial, sendo tras a entrega de diplomas, Antonia Iglesias Santos, matrona e veterana supervisora de partos -unha das poucas profesionais en activo dos que inauguraron o Materno Infantil-, a encargada  de impartir a conferencia maxistral. Seguidamente participaron a representante das residentes, Cecilia Merino,  nova especialista en enfermería pediátrica,  e o presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, a xefa de estudos de Medicina Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo e a subdirectora de Enfermería, Ana Gómez.

Como xa ven sendo unha tradición os novos especialistas recibiron un alfinete de prata “Unha ponte cara á saúde” peza única deseñada polo escultor ourensán Manuel García “Buciños”.

 ​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde