A XUNTA RENOVA 6 ECÓGRAFOS NOS HOSPITAIS DA ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS CUN INVESTIMENTO DE MAÍS DE 494.000 EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 09 2022

A Xunta de Galicia ven de rematar o proceso de renovación de 6 ecógrafos nos Hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés mediante un investimento de 494.085,64 euros. En particular, a Xunta renovou cun ecógrafo respectívamente tanto ao servizo de Xinecoloxía do Hospital Provincial coma ao servizo de Urxencias do hospital Montecelo. Así mesmo, renovou outros catro ecógrafos nos servizos de Radiodiagnóstico dos hospitais Provincial e Montecelo. Tamén efectuou unha actualización do ecógrafo do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, coa implantación dunha nova sonda.

A Administración autonómica licitou o ano pasado dous contratos de subministracións: un para adquirir 48 novos ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico dos hospitais públicos galegos e un segundo para facerse con 16 ecógrafos destinados, na súa meirande parte, aos servizos de urxencias. Logo de formalizarse os contratos coas distintas empresas adxudicatarias a comezos deste ano 2022, os equipos están xa instalados.

As contratacións realizadas teñen achegado novo equipamento de ecografía á totalidade dos hospitais da rede pública galega, incluíndo os hospitais comarcais. Dita contratación responde ao obxectivo de potenciar a calidade da cobertura sanitaria á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022. En particular, o Goberno galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e adquiriu sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do SERGAS e está a piques de resolver outro por valor de 3 millóns de euros licitado en maio deste ano para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos que contan con máis de 15 anos de antigüidade.

Por outra banda, a Xunta está a tramitar este ano contratos por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación e ampliación de equipamento sanitario de diagnóstico por imaxe, radioterapia e medicina nuclear en todas as áreas sanitarias.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde