A XUNTA RENOVARÁ OS SISTEMAS DE ANESTESIA DOS BLOQUES CIRÚRXICOS DOS HOSPITAIS DAS ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 09 2022

 Xunta de Galicia renovará os sistemas de anestesia dos bloques cirúrxicos dos hospitais das sete áreas sanitarias de Galicia. Así o acordou hoxe o Goberno galego durante a reunión do Consello, que autorizou o proxecto de acordo para a contratación da subministración de sistemas de anestesia para os hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Así, a Administración galega, no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, investirá un total de 5.336.100 euros na compra de 98 unidades de sistemas de anestesia, que se distribuirán entre os complexos hospitalarios das 7 áreas sanitarias de Galicia.

Os novos equipos incorporarán, entre outras tecnoloxías, o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde pois permiten unha mellora na temperatura corporal.

Este contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporar a tecnoloxía necesaria que non só mellore a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos, senón que contribúa á redución de emisións de grande impacto ambiental.

Renovación do equipamento sanitario

Con esta contratación, a Xunta, continúa coa renovación de sistemas de anestesia iniciada en 2016 nos hospitais galegos, unha renovación que tivo continuación en 2018 e 2019, e que segue no ano 2022.

Esta nova licitación forma parte tamén do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos orzamentos do vixente ano 2022. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde