A XUNTA ADQUIRE 5 NOVOS ECÓGRAFOS PARA O HULA QUE RENOVAN E MELLORAN O DIAGNÓSTICO POR IMAXE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 09 2022

A Xunta de Galicia adquiriu cinco novos ecógrafos para os servizos de Urxencias e Radiodiagnóstico do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), que supuxeron un investimento de máis de 475.000 euros.  Estes novos equipos de ecografía permitirán renovar equipamento tecnolóxico nestes dous servizos hospitalarios e mellorar as técnicas de diagnóstico por imaxe.

A adquisición destes cinco ecógrafos, que xa están instalados, complétase tamén coa adquisición doutros dous para os hospitais públicos da Mariña e de Monforte de Lemos.

Dos cinco ecógrafos cos que se dotou á HULA, un deles é un ecógrafo portátil para o Servizo de Urxencias, cuxo valor se achega aos 30.000 euros e que foi adquirido á empresa adxudicataria Comercial Hospitalaria Grupo-3. Os outros catro ecógrafos, subministrados por Canon Medical Systems, están destinados ao Servizo de Radiodiagnóstico e o seu custe superou os 446.000 euros, o que supón un investimento total nos cinco equipos do HULA de máis de 475.000 euros.

Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.

A ecografía é unha proba de diagnóstico por imaxe que emprega ondas sonoras (ultrasons) para crear imaxes de órganos, tecidos e outras estruturas do interior do corpo. Tamén pode amosar partes do corpo en movemento, como o corazón latexando ou o sangue circulando polos vasos sanguíneos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde