O 061 DE GALICIA CELEBRA MAÑÁ A XIV XORNADA SOBRE A URXENCIA E A EMERXENCIA DEDICADA Á XESTIÓN DOS INCIDENTES DE MÚLTIPLES VÍTIMAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 09 2022
 A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 celebra mañá pola tarde a XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia dedicada á xestión global de incidentes de múltiples vítimas. O acto será inaugurado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, e o presidente da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias-Galicia, José Manuel Fandiño Orgeira.

A xornada, que terá lugar no salón de actos da Consellería de Sanidade, estará estruturada en torno a dúas mesas redondas nas que se tratará sobre os sistemas de triaxe e a evolución na planificación e xestión de incidentes de múltiples vítimas na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O obxectivo fundamental da XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia é a actualización na xestión integral dos incidentes de múltiples vítimas e catástrofes. Nestas situacións, que se caracterizan por unha desproporción entre o número de vítimas e recursos nun primeiro momento, resulta fundamental a actuación coordinada e protocolizada dos diferentes corpos de emerxencias que deben levar a cabo unha serie de actuacións para diminuír a mortalidade, previr as secuelas e restaurar a situación previa ao incidente en condicións de seguridade. Para conseguilo é necesaria a clasificación axeitada das vítimas, a integración xeral dos plans de emerxencia e o seguimento ordenado das instrucións deseñadas para tal fin.

Galicia, referencia internacional

Nos últimos anos, producíronse na Comunidade Autónoma galega varias situacións deste tipo que proporcionaron a oportunidade de aprender e evolucionar na atención, constituíndo un exemplo a nivel mundial de estrutura, organización, coordinación e xestión integradora que debe ser compartido con todos os profesionais da emerxencia.

Ademais, a existencia dun plan de emerxencias sanitarias específico e integrado dentro do Plan Xeral de Emerxencias da Comunidade Autónoma, dunhas instrucións técnicas onde se abordan todos os puntos esenciais da asistencia e coordinación, así como a dispoñibilidade inmediata de material de atención e intervención específicos, sitúan a Galicia na vangarda da xestión integral deste tipo de incidentes.

Por todo isto e fiel ao seu compromiso coa mellora continua, a innovación e a aprendizaxe, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contribuirá, a través da celebración destas xornadas, ao coñecemento xeneralizado das últimas novidades relacionadas coas actuacións neste campo, de especial interese e sensibilidade, así como de gran impacto na poboación xeral e especialmente no persoal sanitario.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde