A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS ESTENDE AOS SEUS 44 CENTROS DE SAÚDE O PROGRAMA GALEGO DE DETECCIÓN PRECOZ DE CÁNCRO DE CÉRVIX
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 09 2022

O Hospital Montecelo acolleu hoxe unha xuntanza técnica con matronas de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para continuar co proceso de extensión do Programa galego de detección precoz de cáncro de cérvix aos seus 44 centros de saúde, nunha iniciativa que contempla a súa implantación progresiva para finais de outubro.

A indicación destes cribados preventivos pasa por efectualos a mulleres dentre 35 e 65 anos que foran nalgún momento sexualmente activas, así coma a mulleres maiores de 65 anos sen citoloxías realizadas nos últimos 5 anos. Cómpre sinalar que este programa organizado pola Consellería de Sanidade utiliza como proba de cribado a detección da infección polo Virus de Papiloma Humano. As mulleres dentre 35 e 65 anos da Área Sanitaria recibirán unha invitación ao Programa por correo postal e desde outubro vía SMS, ademáis de contar coas propostas de captación que lles efectúen as matronas nos seus respectivos centros de saúde.

A detección da infección polo Virus de Papiloma Humano realízase mediante unha proba moi sinxela e indolora que, a diferencia da citoloxía, pode ser realizada tanto nun centro sanitario como pola propia muller no seu domicilio. Isto é así por que o virus se detecta no fluído vaxinal. Se a proba é negativa -non se detecta infección- o risco de ter calquera anomalía nas células do colo do útero é mínimo. Pasados cinco anos, o Programa galego de detección precoz de cáncro de cérvix enviará ás mulleres dentre 35 e 65 anos de Pontevedra e O Salnés unha nova invitación para realizar a proba de novo. Se ista resulta positiva, será necesario verificar que non hai anomalías nestas células, polo que será preciso efectuar unha citoloxía nun centro de saúde.

No caso de que non se observaran anomalías na toma realizada, recibirase un SMS co resultado de normalidade -se non se rexeitou esta forma de comunicación co SERGAS-. No caso de que se precise realizar algunha outra proba, recibiráse unha carta no enderezo da muller coa correspondente cita. 

Resultados consultables en E-Saúde

Todos os resultados relacionados co Programa galego de detección precoz de cáncro de cérvix de cribado poderanse consultar a través da plataforma E-Saúde -dende un dispositivo electrónico: https://esaude.sergas.es- e tamén a través do profesional de Atención Primaria, pasado un mes dende a realización da proba.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde