A XUNTA RENOVARÁ OS SISTEMAS DE ANESTESIA DOS BLOQUES CIRURXICOS DOS HOSPITAIS DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 09 2022
 

A Xunta de Galicia renovará os sistemas de anestesia dos bloques cirúrxicos dos hospitais das sete areas sanitarias de Galicia. Así o acordou hoxe o Goberno galego durante a reunión do Consello, que autorizou o proxecto de acordo para a contratación da subministración de sistemas de anestesia para os hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, a Área Sanitaria da Coruña e Cee contará cun total de 18 novas unidades por un importe total de 810.000 euros, que serán distribuídas nos Hospitais Universitario da Coruña (3), Abente y Lago (7), Teresa Herrera (7) e Hospital de Cee (1).

Os novos equipos incorporarán, entre outras tecnoloxías, o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde pois permiten unha mellora na temperatura corporal.

Este contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporar a tecnoloxía necesaria que non só mellore a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos, senón que contribúa á redución de emisións de gran impacto ambiental.

Así, a Administración galega, no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, investirá un total de 5.336.100 euros na compra de 98 unidades de sistemas de anestesia, que se distribuirán entre os complexos hospitalarios das 7 áreas sanitarias de Galicia.

Renovación do equipamento sanitario

Con esta contratación, a Xunta, continúa coa renovación de sistemas de anestesia iniciada en 2016 nos hospitais galegos, unha renovación que tivo continuación en 2018 e 2019, e que segue no ano 2022.

Esta nova licitación forma parte tamén do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022.

En particular, respecto as modernizacións dos bloques cirúrxicos, o Executivo galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Todos eles xa están instalados e en funcionamento. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde, algunhas das cales xa están instaladas.

Finalmente, atópase en fase de axudicación un contrato por valor de 3 millóns de euros licitado en maio deste ano para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos que contan con máis de 15 anos de antigüidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde