A AREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE INCORPORA 9 NOVOS PROFESIONAIS MÉDICOS AOS DISTINTOS CENTROS DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 09 2022

A Xunta de Galicia xa adxudicou, na primeira quenda, 9 das 10 prazas convocadas de difícil cobertura nos centros de atención primaria da Área Sanitaria da Coruña e Cee, a través do concurso de méritos. A segunda quenda para a elección da praza restante convocarase proximamente.

Por tal motivo o Decreto 38/2022, do 24 de marzo, aprobou con celeridade unha oferta de emprego público correspondente  a esta categoría, cun total de 106 prazas en toda Galicia e concretamente 10 corresponden á Área Sanitaria da Coruña e Cee: Cabana de Bergantiños (2), Carballo (2), Laxe, Malpica, Arteixo, Carral, Miño e Perillo, co fin de incrementar con urxencia os recursos de persoal médico en Atención Primaria.

Os 9 novos profesionais desta primeira quenda contribuirán a garantir a cobertura dos PAC ao realizar gardas nos Puntos de Atención Continuada, proporcionando unha atención sanitaria estable e de calidade a todos os cidadáns de concellos que levaban tempo sen médico fixo.

No día de onte procedeuse á elección dos destinos correspondentes ao proceso selectivo convocado por resolución de 18 de abril de 2022, de persoal facultativo/a especialista de Atención Primaria.

Esta categoría foi creada no artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, e se caracteriza fundamentalmente por unha maior xornada e unha prestación de servizos mixta nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.

A propia lei dispuxo que neste ano 2022, “coa finalidade de diminuír o moi grave déficit de persoal médico de familia mediante a incorporación urxente do primeiro grupo de profesionais da nova categoría”, se tramitara este proceso selectivo polo sistema de concurso.

Neste proceso selectivo por concurso se esixe a incorporación efectiva ao servizo activo no posto adxudicado co fin de garantir que esta oferta extraordinaria de emprego produza o resultado que a xustifica.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde