O SERGAS INCORPORA PERSOAL FIXO NAS ESPECIALIDADES DE MEDICINA INTERNA, CIRURXÍA ORTOPÉDICA E TRAUMATOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 10 2022

O Diario Oficial de Galicia  publica, na súa edición de hoxe, o nomeamento dos aspirantes seleccionados no último proceso selectivo convocado para o ingreso na categoría de Facultativo especialista de área nas especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina interna.

Son un total de 100 profesionais que se incorporan como persoal fixo das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, dos cales 53 corresponden a especialidade de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e 47 a medicina interna.

Do total de aspirantes que serán nomeados, o 55 % son mulleres cunha media de idade de 42 anos. O 85% destes aspirantes xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, e un 5% teñen a súa residencia fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aos aspirantes nomeados no concurso oposición disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. 

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non entanto, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Tamén se fai coincidir a publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente na categoría de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina interna.

Coa resolución anticipada dos procesos de selección e provisión destas dúas especialidades, nas cales existe un déficit de profesionais sobre todo nos centros hospitalarios de ámbito comarcal, pretende acadarse unha resposta coordinada ás necesidades asistenciais no conxunto do Servizo Galego de Saúde e, en consecuencia, unha adecuada atención sanitaria da poboación dos distintos distritos de saúde.

Próximas actuacións

Está previsto que nas vindeiras semanas se publique a relación definitiva de admitidos e excluídos e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para o resto de categorías de persoal estatutario.

Por outra parte, o concurso-oposición das restantes categorías/especialidades incluídas na mesma convocatoria continúa o seu desenvolvemento e está previsto que se resolva no último trimestre do ano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde