O “RETO 10.000” CHEGA ÁS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS DA MAN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E A RED ESPAÑOLA DE UNIVERSIDADES PROMOTORAS DE SALUD
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 10 2022

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e as universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, convidan a todos os membros da comunidade universitaria galega a participar de xeito activo no “Reto 10.000”, promovido desde a Red Española de Universidades Promotoras de Salud (REUPS). Este reto ten como obxectivo conseguir, ao longo do mes de outubro, un total de 10.000 doazóns de sangue entre todos os centros universitarios que se sumen á iniciativa.

Para contribuír ao éxito desta campaña especial, na que toman parte activa as tres universidades galegas, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desprázanse durante todo o mes de outubro ata os sete campus universitarios. A primeira fase da campaña universitaria continuará durante o mes de novembro.

Importancia da participación

ADOS lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no ámbito educativo, tanto en centros de educación non universitaria como universitaria, xa que, para moitos estudantes é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.

Ademais, ADOS agradece a colaboración brindada polos reitores das tres universidades galegas para levar a cabo campañas de doazón como o “Reto 10.000”, ao tempo que se fai un chamamento a todos os membros da comunidade universitaria para que se acheguen a participar de forma activa nesta solidaria iniciativa.

ADOS espera contar de novo coa solidariedade dos universitarios e universitarias galegas nos desprazamentos seguintes nesta semana:

DATA

LUGAR

Mércores 5 de outubro

Facultade de Enfermaría e Podoloxía (Ferrol), E.T.S Arquitectura (A Coruña), Facultade de Enfermaría (Santiago) Facultade de Belas Artes (Pontevedra)

Xoves 6 de outubro

Facultade Filoloxía (Santiago)

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde