O DOUTOR BENITO REGUEIRO NOMEADO PERSOAL EMÉRITO DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 10 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha Resolución  pola que se nomea persoal emérito do Servizo Galego de Saúde ao Dr. Benito Regueiro García, recoñecendo así a un dos microbiólogos de maior prestixio e mellor traxectoria científica en España. 

O doutor Regueiro, ex xefe do servizo de Microbioloxía da Área Sanitaria de Vigo, xubilouse no pasado mes de marzo tras máis de 40 anos de exercicio profesional na súa especialidade. Con este nomeamento, traballará no desenvolvemento de proxectos de investigación co grupo de Microbioloxía no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), continuando así o seu prolífico e extenso labor científico e investigador. 

Catedrático de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, foi presidente da Sociedade Galega de Microbioloxía e membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

Foi artífice da transformación e reorganización dos laboratorios de microbioloxía da área viguesa, e liderou proxectos de gran envergadura durante a pandemia sanitaria como o sistema “pooling” de agrupación de mostras ou a secuenciación masiva das mesmas, que foron referentes no resto de España.

Aproveitar a experiencia

Con esta designación da Consellería de Sanidade,  preténdese recoñecer o prestixio e a importancia dos profesionais sanitarios xubilados, así como facilitar -durante o período de tempo establecido- a existencia dunha relación activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultoría, asesoría e formación, aproveitando desa forma a experiencia e os coñecementos adquiridos durante a vida laboral previa á súa xubilación. Este nomeamento ten vixencia durante un período dun ano prorrogable a outro máis.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde