A XUNTA PORÁ EN MARCHA ESTE ANO UNIDADES FUNCIONAIS MULTIDISCIPLINARES DE SOLO PELVIANO FEMININO EN TODAS AS ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 10 2022

A Xunta de Galicia aprobou hoxe os criterios xerais para a posta en marcha este ano de unidades funcionais multidisciplinares de solo pelviano feminino en todas as áreas sanitarias da Comunidade. Na reunión do Consello do Goberno galego celebrada hoxe, deuse luz verde ao documento que permitirá a creación destas novas unidades, que incorporan melloras na atención as mulleres con patoloxías máis graves.

Estas unidades funcionais multidisciplinares contarán cun coordinador ou coordinadora, á súa fronte e estarán constituídas por diversas especialidades médicas e cirúrxicas, entre as que se inclúen as especialidades de xinecoloxía e obstetricia e persoal de rehabilitación, tamén enfermaría especialista obstétrico-xinecolóxica/matronas e fisioterapeutas. Para o seu funcionamento contarán cun comité clínico formado por especialistas de Atención Hospitalaria e Atención Primaria para garantir a transversalidade na continuidade de coidados. Todo isto co obxectivo de reforzar a atención daquelas mulleres con disfuncións ou patoloxías de solo pelviano máis graves, que precisan de coidados complementarios que non existen a nivel de Atención Primaria, dunha mellor coordinación, atención, apoio e seguimento tanto no ámbito hospitalario como de atención primaria.

Desde o ano 2017, Galicia conta cun programa estruturado de atención ás disfuncións do solo pelviano feminino en Atención Primaria. A Comunidade galega é, ata o momento, a única que conta con esta atención prestación neste nivel asistencial proporcionada principalmente por matronas e fisioterapeutas de Atención Primaria.

Durante o período 2017-2021, a nivel de Atención Primaria, as matronas atenderon un total de 4.601 mulleres con disfuncións de solo pelviano, realizando 8.253 consultas; mentres que 354 mulleres foron atendidas por fisioterapeutas para tratamento fisioterápico e realizáronse 1.799 consultas.

Con todo, na actualidade, a nivel hospitalario non existe homoxeneidade na atención ás mulleres que sofren unha disfunción de solo pelviano nin unha estrutura funcional común.

O pasado 5 de novembro de 2021 publicábase a orde da Consellería de Sanidade que regulaba dun xeito homoxéneo a creación, composición, organización e funcionamento de unidades funcionais multidisciplinares dentro do Servizo Galego de Saúde; mentres que o 9 de marzo de 2022 o conselleiro de Sanidade anunciaba no Parlamento a creación de unidades multidisciplinares de solo pelviano feminino nas sete áreas sanitarias.

A previsión da Xunta é que antes de finais de ano estas novas unidades estean funcionando nas 7 áreas sanitarias co fin de mellorar a atención a todas as mulleres con patoloxías de solo pelviano de maior gravidade.


Unidades multidisciplinares poscovid e de enfermidades raras

Este dispositivo asistencial de solo pelviano únese a outras unidades multidisciplinares postas en marcha pola Xunta nos últimos tempos, como as unidades multidisciplinares poscovid, que funcionan desde marzo de 2021 en cada unha das 7 áreas sanitarias e que proporcionan unha atención e recuperación de calidade a todos os afectados pola COVID-19.

Tamén, en febreiro deste ano 2022, a Xunta puxo en marcha tres unidades funcionais multidisciplinares enmarcadas na Estratexia galega en enfermidades raras nas áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago. Contan con equipos formados por un especialista en medicina interna, un especialista en pediatría e un profesional de enfermaría.

As unidades multidisciplinares son dispositivos asistenciais encargados de actividades que comprenden o diagnóstico e seguimento de pacientes con patoloxías concretas.

Xorden co obxectivo de establecer un novo modelo asistencial que garanta un prazo de diagnóstico máis reducido e unha xestión máis áxil, coordinada e eficaz.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde