O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa do concello de Meis, Marta Giráldez Barral, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que regulará a construción dun novo centro de saúde para este municipio pontevedrés.
Durante o acto de sinatura, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias; o titular do departamento sanitario da Xunta lembrou que o Executivo galego incrementará nun 25% a partida dos Orzamentos do ano 2023, destinada a construción e reforma dos centros de atención Primaria. Así, este investimento superará, o vindeiro ano, os 40 millóns euros.
García Comesaña agradeceu ao conxunto da corporación municipal a súa axilidade á hora de achegar á Xunta posibles parcelas para levar a cabo este proxecto. Neste senso, destacou que a dilixencia municipal “vai permitir acelerar o proceso de construción”. Así, tras a sinatura deste convenio, Sanidade comezará a tramitar a encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas co obxectivo de licitar canto antes o proxecto arquitectónico do novo centro e, de seguido, licitará a execución da obra.
A colaboración entre ambas administracións permitirá que o novo centro de saúde de Meis sexa o primeiro dos proxectos en construírse, de todos aqueles que se inclúen na denominada Fase 2 do Plan de Infraestruturas sanitarias da Xunta.
Un centro sanitario moderno e con mellores prestacións
O Goberno galego ten prevista a construción dun novo inmoble que contará con preto de 1.000 metros cadrados, e que substituirá as actuais instalacións sanitarias, empregadas durante os últimos 30 anos.
Nesta liña, a poboación de Meis disporá dun novo inmoble sanitario amplo que resolverá os problemas de espazo existentes na actualidade. Así, permitirá concentrar os recursos e unificar as prestacións, garantindo con isto unha mellor cobertura sanitaria.
O novo centro de saúde contará cunha sala polivalente que permitirá a realización de técnicas dun xeito máis rápido, ao adaptar os seu espazo ao equipamento co que a Xunta dotou os centros de saúde de Meis durante o ano 2020 (3 electrocardiógrafos, 3 hólters de presión arterial ou 2 espirómetros). Ademais, tamén contará cunha área pediátrica dotada con dúas consultas; e incorporará unha área da muller provista dunha consulta de matrona e unha sala de educación sanitaria.
“Trátase de melloras importantes e que consideramos imprescindibles para dar un servizo de calidade as máis de 4.200 persoas que atenderá este centro de saúde”, subliñou o conselleiro, ao tempo que lembrou que o novo edificio mellorará a contorna de traballo dos profesionais que desempeñan o seu labor neste, ao proxectarse un espazo compartido cunha sala de xuntas, e novas consultas e salas con maiores dimensións.
Investimentos sanitarios na provincia de Pontevedra
A Xunta de Galicia continúa a impulsar a renovación integral da atención primaria en Galicia. Un compromiso que o Goberno galego mantén intacto desde hai doce anos, e no que xa se construíron ou reformaron máis de 102 centros que, xunto cos 5 que están na actualidade en construción, suman un investimento de máis de 120 millóns de euros.
O incremento do 25% nos Orzamentos destinados aos centros de atención primaria para 2023, garantirá a existencia de fondos suficientes para financiar e executar o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.
Nesta liña, o conselleiro de Sanidade trasladou que arestora na provincia de Pontevedra “están en marcha as obras de construción do novo centro integral de saúde de Lalín e da ampliación do centro de saúde de O Porriño; xa licitadas as obras do novo centro integral de saúde de Vigo e do novo centro de saúde de Moaña; e xa adxudicada a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Vilagarcía”.
Por outra banda, no que atinxe ás infraestruturas hospitalarias, García Comesaña lembrou que nestes momentos se está a finalizar un investimento dun millón de euros para a nova central de esterilización do hospital do Salnés, e que están en execución as obras da Fase 1 do Novo Montecelo.
Desde hoxe, Meis engádese a longa lista de investimentos sanitarios nos que a Xunta actuou na provincia provincia de Pontevedra -13 centros novos e 9 reformas-; e aos 9 convenios asinados con diferentes concellos pontevedreses, para facer actuacións en centros de saúde de titularidade municipal.