Paula Vázquez de Parga Salleras é a nova responsable do Servizo de Oftalmoloxía
da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, tomando o relevo á xubilación de Ramón
Lorente Moore, responsable deste servizo os últimos trinta anos.
Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Autónoma de
Madrid, en 1992, formouse como
especialista en Oftalmoloxía, vía MIR, no Hospital Puerta de Hierro de Madrid,
entre 1994 e 1997. Tras iniciar a súa
carreira profesional no Hospital Público de Verín, desde 1998 está vencellada
ao Hospital Universitario de Ourense, con nomeamento como persoal estatutario
fixo, por oposición, en 2005.
Vázquez de Parga é responsable desde 1999 da Unidade de Glaucoma,
unha das primeiras do estado en ofertar a carteira completa de técnicas,
incluindo a cirurxía minimamente invasiva (MIGS ou Minimally Invasive Glaucoma
Surgery) indicada para unha redución eficaz e segura da presión
intraocular. Igualmente, desde 2010 asume, co Dr. Lorente, a Unidade de
Luxacións saco-lente intraocular, ainda que pouco habitual, unha das
complicacións tardías espontaneas máis complexas da cirurxía de cataratas.
A súa labor clínica vai parella dunha intensa actividade de formación
continuada e especialización no eido da cirurxía oftalmolóxica e de glaucoma,
con cursos da Academia Americana de Oftalmoloxía, incluíndo o programa BCSC, e estanzas
formativas con algúns dos referentes desta cirurxía oftalmolóxica, como o Dr.
Ike Ahmed, considerado pai das técnicas de cirurxía minimamente invasiva, no
seu centro de Ontario, Canadá, en 2015; ou en 2019 co Dr. Keith Barton no
Hospital público (NHS) de Moorfields Eye de Londres.
Ademais da súa experiencia docente en cursos ou talleres, foi titora
MIR da especialidade, entre 2010 e 2016, e colaboradora docente desde 1998 ata
a actualidade, desenvolvendo, desde o inicio da súa traxectoria profesional,
unha intensa actividade investigadora, sendo autora e coautora de numerosos capítulos
e artigos en libros e revistas nacionais e internacionais.
Un dos seus traballos foi premiado no congreso da Sociedade
Americana de Catarata e Cirurxía Refractiva (ASCRS) de Boston, en 2010, foro
considerado referente internacional desta especialidade, desde a súa fundación
en 1974. Nel participou tamén como relatora, así como en máis de 50 congresos e
reunións nacionais, entre eles os de Cirurxía de Glaucoma en Directo.
Ademais da formación no seu eido, ven de completar, en 2021, o
Máster Superior de Xestión de Centros Sanitarios, Deusto Salud-UCAM. Igualmente
foi membro do Comité Editorial da Revista Española de Investigacións
Oftalmolóxicas e é vogal da Sociedade Galega de Oftalmoloxía desde 2014.