O 061 DE GALICIA ADESTRA A MÁIS DE 100 FUTUROS POLICÍAS LOCAIS EN TÉCNICAS DE REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR BÁSICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 10 2022
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realizou hoxe unha acción formativa para preto de 120 estudantes para policía local nas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) na Estrada. Este adestramento masivo tivo lugar co gallo da celebración do Día mundial da parada cardíaca, o próximo domingo, 16 de outubro, e contou coa asistencia da directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo Pereira, e o alcalde da Estrada, José López Campos.

O obxectivo deste adestramento masivo é garantir a formación dos futuros policías locais técnicas de soporte vital básico pola súa condición de primeiros intervenientes en situacións de emerxencia sanitaria nas que unha persoa sufra unha parada cardíaca.

Esta acción formativa, na que participaron 15 monitores en soporte vital básico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, foi impartida ao longo de cinco quendas entre as 10,00 e as 14,00 horas. Para facilitar a axeitada realización das manobras de soporte vital básico utilizáronse bonecos de simulación avanzada sobre os que os estudantes aplicaron as técnicas aprendidas por parellas.

Importancia de reaccionar con rapidez

Desde a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 subliñouse a importancia de recoñecer os síntomas que preceden a unha parada cardiorrespiratoria para poder reaccionar con rapidez e minimizar os posibles efectos e consecuencias. Nestes casos, os estudos científicos, realizados ao respecto, demostran que se ademais, os primeiros intervenientes recibiron formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar e desfibrilación precoz auméntase considerablemente as posibilidades de supervivencia dos pacientes.

Na Comunidade galega, onde as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes, a concienciación da sociedade sobre a importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita e das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica resultan fundamentais.

Síntomas máis frecuentes

Os síntomas máis frecuentes da dor de orixe cardíaca son as molestias de aparición brusca, con sensación de opresión, que se localizan na zona central ou esquerda do tórax. A dor pode estenderse cara as costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula e case nunca varía cos cambios de postura nin coa palpación. En ocasións, acompáñase de suor frío, palidez, náuseas, vómitos, mareos e pode provocar dificultade para respirar.

Se vostede sofre os síntomas descritos, debe manter a calma, afrouxar a roupa e permanecer sentado ou recostado. A chamada ao teléfono 0 6 1, nestas circunstancias, resulta vital. Mentres é atendido por un médico coordinador, especialista en atención telefónica ás urxencias e ás emerxencias, os recursos asistenciais son mobilizados ata o lugar no que se atope o paciente para a aplicación dun desfribrilador, nos casos axeitados.

Reanimación cardiopulmonar e DESA

Ademais, a maioría das mortes evitables ocorren fóra dos centros hospitalarios, polo que as únicas medidas que aumentan a supervivencia, minimizando as posibles secuelas, son a masaxe cardíaca e a desfibrilación precoz. Ambas as dúas constitúen parte fundamental da cadea de supervivencia, xunto coa activación inmediata do sistema de emerxencias, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tendo en conta que en Galicia contabilízanse unhas 780 mortes súbitas ao ano, e dadas as características poboacionais e orográficas da nosa Comunidade Autónoma -con altas cifras de dispersión poboacional-, a formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar resulta imprescindible.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén apostando por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias, como o programa de formación en reanimación cardiopulmonar RCP na Aula a través do que, desde o ano 2009, formáronse máis de 16.600 nenos.

Actualmente, Galicia conta con 2.641 desfribriladores semiautomáticos externos dados de alta para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde