O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na inauguración dunha Xornada dedicada á humanización sanitaria sobre modelos de atención para a saúde das persoas con autismo, as melloras no que se refire á atención sociosanitaria destas persoas, melloras que, -tal e como remarcou o conselleiro-, son froito do traballo colaborativo entre a Administración sanitaria e as asociacións, que son as mellores coñecedoras das necesidades destas persoas. A presentación da Xornada correu a cargo da presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Fernández Angulo, que, á súa vez, agradeceu a colaboración do Servizo Galego de Saúde.
Segundo sinalou o titular da carteira sanitaria, requírese unha abordaxe integral das necesidades destas persoas, orientada a facilitar apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica.
Entre as iniciativas de mellora levadas a cabo, o conselleiro citou a adopción de medidas que favorecen a comunicación para que, o paso de persoas con autismo polo centros sanitarios, sexa o máis amable posible. A este respecto sinalou a utilización de pictogramas que modifican a sinaléctica dos centros; ou a elaboración de vídeos para que coñezan de antemán os pasos que se van seguir na realización de distintas probas diagnósticas e se enfronten a elas con tranquilidade e seguridade.
Comesaña remarcou que o Sergas conta dende hai anos, coa tarxeta sanitaria dobre AA (Acompañamento e Accesibilidade), que ten por obxectivo facilitar o acceso ás persoas con trastornos do espectro autista ao sistema sanitario. Na actualidade, a totalidade dos pacientes con esta tarxeta ascende a 15.231.
O Sergas traballa, tamén, para mellorar a sensibilidade de todos os seus profesionais cara a estas persoas con necesidades especiais e, así, elaborou unha Guía de recomendacións para a atención sanitaria a estes pacientes. Complementariamente, o Executivo galego puxo en marcha o protocolo de actuación e prevención no ámbito sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, que pode ser de gran axuda para mellorar a prevención e vixilancia do benestar emocional das persoas con TEA, especialmente ao longo da infancia e adolescencia.
Para rematar a súa intervención no acto de inaguración, o conselleiro agradeceu a colaboración que sempre atopan nas asociacións, dende a participación nos Consellos Asesores de Pacientes á Escola Galega de Saúde para a Cidadanía.