​O IDIS INCORPORA UNHA TECNOLOXÍA DE IMAXE DE ALTA RESOLUCIÓN ÚNICA EN ESPAÑA QUE SE EMPREGARÁ PARA DESENVOLVER E CARACTERIZAR NOVOS RADIOFÁRMACOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 10 2022


Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022.- Os investigadores do IDIS contan xa co primeiro equipo de auto radiografía de última xeración en España e un dos primeiros de Europa. Trátase dunha tecnoloxía de vangarda que está deseñada para xerar imaxes en tempo real da biodistribución dun radiofármaco sobre mostras in vitro e que terá aplicación en investigacións no ámbito da oncoloxía e tamén en neuroloxía, enfermidades inflamatorias-infecciosas ou oftalmoloxía, entre outros.

 

O aparato xa está en funcionamento nas instalacións do CEBEGA grazas a un equipo que estará vinculado aos grupos de investigación de Imaxe Molecular (IDIS e CIMUS) e Farmacoloxía Clínica (IDIS-Hospital Clínico), liderados por Pablo Aguiar e Anxo Fernández Ferreiro.

 

Está deseñado para xerar imaxes en tempo real da biodistribucción dun radiofármaco sobre mostras in vitro cunha resolución espacial de 20 micras, cunha nitidez que ningunha outra técnica de imaxe con radiofármacos foi capaz de alcanzar ata o momento.

 

“A incorporación deste equipamento supón unha ferramenta excelente para acelerar o desenvolvemento de novos fármacos, que se empregan tanto para o diagnóstico como para o tratamento de enfermidades”, subliña Anxo Fernández Ferreiro, ao tempo que engade que “as principais aplicacións centraranse en oncoloxía, pero tamén está previsto desenvolver proxectos no campo da neuroloxía, oftalmoloxía e as enfermidades inflamatorias-infecciosas”.

 

A combinación desta nova tecnoloxía con outros equipos de imaxe preclínica xa dispoñibles no centro, como o PET/TAC, SPECT/TAC, OCT e PET/RM, así como a proximidade do Ciclotrón de GALARIA, como produtor de radiofármacos, converten á contorna do Hospital Clínico nunha institución de referencia a nivel europeo no campo da imaxe molecular ao servizo dos investigadores do IDIS, con grupos vinculados ao SERGAS e á USC.

 

Así, a presenza de todas estas tecnoloxías disruptivas levou a que recentemente o IDIS, a USC e GALARIA se unan para realizar unha solicitude conxunta ao Ministerio de Ciencia e Innovación para que a investigación galega en imaxe sexa recoñecida como unha Infraestrutura Científica e Técnica Singular (ICTS) e se erixa así nun centro de referencia acreditado para ofrecer servizos de imaxe a centros de investigación de toda España”, anuncia Pablo Aguiar.

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde