A Área Sanitaria da Coruña e Cee disporá o vindeiro ano
2023 do orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra récord de 814
millóns de euros. Así, tal e como se recolle no proxecto de orzamentos, a Xunta
de Galicia destinará un 8,4% máis que o pasado ano á atención sanitaria da área
da Coruña e Cee, o que supón 63 millóns de euros máis.
Preto da metade do orzamento destínase ao Capítulo I,
isto é, ao pagamento das nóminas do persoal, máis de 7.500 traballadores da
área, tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Este capítulo abrangue o 46%
do total, 371 millóns de euros.
Ao Capitulo II, bens e servizos, dedícanse 286 millóns
de euros, un 35%. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de
dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes ou
laboratorios.
50 millóns
de investimentos
Ademais, a Xunta de Galicia prevé realizar uns
investimentos de 50 millóns de euros na sanidade pública coruñesa. Destes, 38
millóns irán dirixidos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e 12
millóns á Atención Primaria.
O investimento no Hospital Universitario A Coruña ascenderá
a 28 millóns de euros para rematar as obras da Fase 0 e comezar a Fase 1 do
novo CHUAC, ademais de 450.000 euros para iniciar a reforma da área de
urxencias do Hospital de Cee, que se licitará antes de que remate o ano.
A estas infraestruturas hai que engadirlle os recursos
consignados para completar os pagos dos contratos licitados ao longo do 2022, a
través dos fondos europeos Next Generation, e que supoñen un investimento de 8,5
millóns de euros para adquirir equipos de alta tecnoloxía. Así, vanse renovar 4 TAC´s, por un importe de 2,7 millóns de euros; 1
RNM, por un importe de 1,4 millóns; 1 equipo de radioloxía vascular
intervencionista, por 871.000 euros; outro de neuroloxía vascular, por 1,2
millóns de euros; e 2 salas de hemodinámica por un valor de 1,9 millóns de
euros.
Os orzamentos tamén contemplan unha partida de máis de
400.000 euros para a renovación dun TAC no Hospital Público Virxe da Xunqueira
de Cee.
12 millóns
para Atención Primaria
No referido á Atención Primaria,
dos preto de 12 millóns de euros que se investirán nas obras de construción e
reformas de centros de saúde na Área Sanitaria da Coruña e Cee, están
reservados 2,2 millóns de euros para o inicio da obra do novo centro de saúde
de Abegondo, que se licitará antes de rematar o ano. Ademais de 6,6 millóns
para a construción de novos centros de saúde e preto de 1,5 millóns para
reformas, ampliacións e melloras dos mesmos, como os 100.000 euros para o
inicio da obra de reforma do centro de saúde de Curtis.
Asemade, os Orzamentos tamén recollen unha partida de
500.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados
no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os Concellos
correspondentes acheguen ao Sergas unha parcela axeitada, como poderían ser os
centros de Carballo, Fisterra ou Malpica.
Unha das partidas máis
destacable, cunha asignación dun 1 millón de euros, é para financiar o novo
centro de saúde de Santa Lucía, que figura no capítulo VII de transferencias de capital, pois será unha
transferencia ao Concello da Coruña, encargado de licitar proxecto e obra
segundo o convenio asinado.
Entidades de Atención
Sociosanitaria
O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para
2023 reserva máis de 10 millóns de euros dentro das contas do Sergas para
transferencias a entidades de atención sociosanitaria, de saúde mental e de
atención ás adiccións.
Parte destes fondos destínanse a entidades de
eido autonómico ou para convocatorias
de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas
partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local.
No caso da Área Sanitaria da Coruña e Cee as
asociacións beneficiadas por estes fondos, que acadan máis de 2 millóns de euros, son a Asociación
Cidadá de Loita contra a Droga (ACLAD), 1,8 millóns de euros; a Asociación Ex-Alcohólicos
A Coruña, 227.000 euros; a Asociación Antonio Noche López, preto de 30.000
euros e a Asociación Vieiro de Carballo, algo máis de 7.000 euros