"Pechando filas
co paciente” este é o lema da campaña coa que hoxe o persoal de todas as
profesións e servizos implicados co diagnóstico e tratamento das pacientes de
cancro mama no Hospital Universitario de Ourense queren mostrar o seu apoio e
poñer en valor o traballo en equipo para pechar as fendas na asistencia.
No Hospital
Universitario diagnostícase unha media de 200 novos casos, a maioría cun diagnóstico
precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%, e moitas pacientes
poden recibir o seu tratamento e consultas directamente nos hospitais públicos
de Verín e Valdeorras, máis preto da súa casa e evitando desprazamentos
periódicos.
No que vai de
ano 604 pacientes, na súa maioría mulleres, pero tamén hai homes, accederon a
vía rápida de cancro de mama, que permite que axilizar a primeira consulta en
caso de sospeita por parte do seu médico de cabeceira ou outros especialistas,
nun máximo de dous días, o que adianta os prazos dos estudos diagnósticos e
tratamento de ser preciso.
O traballo en
equipo é clave, e por elo os profesionais directamente implicados no seu diagnóstico e tratamento desde os servizos e
unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Unidade de Radiodiagnóstico
de Mama, Unidade de Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e
Farmacia do Hospital Universitario de Ourense queren enviar unha mensaxe de
esperanza e tranquilidade ás mulleres que afrontan este proceso asistencial
para o que o Servizo Galego de Saúde conta cos medios para tratalo rápida e
eficazmente.
200 novos casos ao
ano
Nos últimos anos
incremento da detección precoz, avance dos medios diagnósticos e terapéuticos,
mellora do abordaxe e coordinación multidisciplinar, protocolización dos
procesos e o alto grao de implicación de tódolos servizos, permite tratamentos
individualizados á medida das necesidades e características de cada paciente e,
na maioría de casos, cunha resposta cirúrxica conservadora.
A mellora dos resultados
no cancro de mama son imparables pero é preciso seguir poñendo o acento na
prevención, nos hábitos de vida saudables, e por suposto participando na
campaña de detección precoz de cancro de mama da Consellería de Sanidade cando
se é convocada; xa que a realización dunha mamografía de control segue a ser o
método mais eficaz de detección. Asemade é clave avanzar na investigación.
Detección Precoz
e investigación
Técnicas como o
ganglio centinela e a mellora das técnicas diagnósticas permite detectar cada
día con maior precocidade estes tumores, incrementando o número de lesións non
palpables (microscópicas ou indetectables ao tacto) Esta detección precoz eleva
as posibilidades de supervivencia ata niveis de un 90 por cento dos casos.
Desde o servizo
de Oncoloxía Médica, na actualidade ofrécense en Ourense a totalidade de
tratamentos existentes, dándose unha resposta individualizada a cada muller,
adaptando os tratamentos quimio-hormonoterápicos a cada caso, variando as
secuencias de estes, cada día mais efectivos, en función das características de
cada patoloxía.
Agora mesmo o
Hospital Universitario de Ourense ten múltiples liñas de investigación abertas,
entre as que destaca a súa participación nun ambicioso proxecto internacional
para mellorar a calidade de vida e afondar no seguemento dos e das pacientes
recuperadas de cancro, mediante o emprego da intelixencia artificial e
aplicación da análise de gran volume de datos (Big Data).
“Persist”, como
se denomina o proxecto, ten unha importante presencia galega, xa que ademais de
ser o de Ourense o único hospital español participante, o centro tecnolóxico
Gradiant, con sede en Vigo, foi designado como coordinador deste consorcio
internacional, que está apoiado pola Unión Europea (UE), a través do programa
Horizonte 2020 (H2020), cun financiamento de 5 millóns de euros e conta coa
participación doutras doce entidades internacionais.
Neste macro
proxecto de investigación estase a realizar un seguemento de 160 pacientes voluntarios,
40 deles do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense,
recuperados dun cancro de mama ou colorectal, os dous dos mais frecuentes. O
resto de pacientes participantes foron seleccionados no Centro Clínico Universitario
de Maribor (Eslovenia), o Centro Hospitalario Universitario de Lieja (Bélxica)
e o Instituto de Medicina Preventiva e Clínica da Universidade de Latvia
(Letonia).