A XUNTA DESTACA A MELLORA DA PROTECCIÓN DA SAÚDE PEDIÁTRICA QUE TEN SUPOSTO A INCORPORACIÓN AO CALENDARIO GALEGO NESTE ANO DE VACINAS FRONTE Á GRIPE, O VPH E A MENINXITE B
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 10 2022

​O conselleiro de Sanidade inaugurou este venres o LXXII Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia. No transcurso do acto, o titular da carteira sanitaria subliñou puntos clave sobre o cambio no modelo da atención primaria, a aposta da Consellería de Sanidade polos estilos de vida saudable ou as novidades do calendario de vacinación infantil. No inicio das xornadas, que se celebran no hospital Álvaro Cunqueiro e reúnen máis dun cento de pediatras e enfermeiras de pediatría, tamén estivo presente o alcalde de Vigo, así como a presidenta do Comité Organizador, a presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia e o xerente da área sanitaria de Vigo.

Durante a súa intervención, García Comesaña fixo alusión á aposta da Xunta pola mellora da protección da saúde pediátrica que ten suposto a incorporación ao calendario galego neste ano das vacinas fronte a gripe, o virus do papiloma humano (VPH) e a meninxite B. A vacinación é un dos piares fundamentais da loita fronte ás enfermidades infecciosas e Galicia é unha das comunidades co calendario de vacinación infantil máis completo de España.

A lei impulsada este ano pola Xunta para prazas sanitarias de difícil cobertura permitirá cubrir postos de pediatría de primaria por concurso de méritos

En relación ao persoal, indicou que o Parlamento vén de aprobar unha lei para cubrir prazas de difícil cobertura en diversos ámbitos como a Atención Primaria, os hospitais comarcais e o relacionado coa saúde mental, o que fará que en sucesivas convocatorias “se poidan incluír, entre outras, prazas para pediatría naquelas que quedan cada ano desertas en OPE e concursos de traslados”. García Comesaña salientou tamén o feito de que Galicia fora a primeira comunidade autónoma en crear e dotar prazas de enfermaría pediátrica en atención primaria.

Outra das principais liñas de actuación da Consellería pasa por dar impulso a programas de promoción de estilo de vida saudable nas idades temperás, con proxectos como ‘O ABC do consello alimentario na infancia’, unha guía con recomendacións e pautas beneficiosas para a saúde, ou Xanela Aberta á familia, un sitio web con información útil sobre a saúde materno-infantil e xuvenil. 

Pero sen dúbida, a atención da saúde mental ten un espazo moi importante neste congreso. Por parte da Consellería de Sanidade estanse a desenvolver recursos para a realización de terapias orientadas á recuperación dos pacientes. 

Nesta mesma liña, o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 alíñase co obxectivo de que cada unha das sete áreas sanitarias conte cun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil. E a pasada semana a Consellería de Sanidade, xunto á de Educación, presentou un protocolo contra o risco suicida na infancia. Un plan que recolle a creación dunha vía rápida de derivación para o alumnado de risco moderado, coordinando centros escolares, 061, atención primaria e servizos de saúde mental. 

Nun contexto en que tanto a medicina como a pediatría deron avances significativos, a Consellería de Sanidade pon a tecnoloxía máis punteira ao servizo do paciente. A plataforma TELEA, co módulo de pediatría na historia clínica electrónica, o sistema de xestión integral da demanda (XIDE), ou as axendas de calidade son só algúns exemplos.  ​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde