​A XUNTA AMPLÍA ATA SUPERAR O MILLÓN DE EUROS AS AXUDAS PARA OS PROGRAMAS DE SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 10 2022
 
 

O Diario Oficial de Galicia publica​, na súa edición de hoxe, unha nova ampliación de crédito destinada ao financiamento de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. Con esta nova partida, que ascende a 121.193 euros, a Xunta de Galicia supera o millón de euros para  apoiar a máis de 50 proxectos do ámbito da saúde mental.

A protección da saúde mental segue a constituír unha das prioridades sanitarias do Executivo galego, polo que continúa a adoptar medidas para mellorar a calidade de vida da poboación que sofre algunha doenza deste tipo. Así, o salientou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no foro "Depresión y suicidio en Galicia”, no que asociacións de pacientes, familiares e representantes da Sociedade Española de Psiquiatría y Salud Mental abordaron a situación da depresión e do suicidio a nivel autonómico.

Desde ano 2020, o Plan galego de Saúde Mental poscovid-19, desenvolve actuacións dirixidas a incrementar a autonomía dos pacientes que presentan algún trastorno mental, promovendo a normalización social e a desestigmatización das persoas que padecen este tipo de enfermidades. Este plan foi dotado cun orzamento de 83 millóns de euros para o período 2020-2024.

Neste senso, a colaboración e participación co tecido asociativo e as entidades especializadas no coidado de pacientes con trastorno mentais foi definida como un das liñas de traballo prioritarias para a Xunta de Galicia. Así, este Plan supuxo que no ano 2020 se convocasen axudas específicas neste campo por valor de 500.000 euros, unha contía que neste 2022 xa superou o millón de euros, e que beneficiou a máis de 50 entidades. Mediante estas axudas, o Executivo galego apoia o fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, os programas de prevención do suicidio e, fundamentalmente, programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo.

Ademais, o Plan prevía a creación de 241 novas prazas de persoal especialista en saúde mental. Desde a posta en marcha do Plan, o Sergas contratou xa 125 novos profesionais. Os orzamentos de Galicia para o ano 2023 contemplan a creación doutras 61 prazas de especialistas en saúde mental, supoñendo unha partida de 2,6 millóns de euros.

Nesta liña, a comunidade galega incrementou as prazas de persoal especialista en saúde mental na convocatoria do presente ano, aumentado nun 53% as prazas formativas para psicoloxía clínica, e nun 33% as de psiquiatría. Galicia será ademais unha das primeiras comunidades autónomas en formar especialistas en psiquiatría da infancia e a adolescencia, un logro que fora moi demandando polos profesionais deste eido. 

Precisamente, para mellorar a atención da saúde mental desta poboación, o Plan permitiu a posta en en marcha de senllos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo, Santiago, Ourense e Lugo. O obxectivo é completar neste 2023 a totalidade das áreas sanitarias, polo que dentro das novas prazas creadas se contemplan as necesarias para iniciar a actividade de hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil na Coruña, Ferrol e Pontevedra.

Para garantir a cobertura destas novas prazas, recentemente aprobouse no Parlamento galego unha lei impulsada pola Xunta para atraer a todos os profesionais dispoñibles ao sistema sanitario público, convocando mediante o sistema de concurso de méritos as prazas de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista que derivan deste Plan.

Prevención do Suicidio en Galicia

No que atinxe á prevención do suicidio, o responsable de carteira sanitaria da Xunta apuntou que “no ano 2019 en Galicia só había unha unidade de prevención do suicidio, en Ourense”. No obstante, “esta cifra ascenderá o presente ano até as 6, ao engadirse a posta en marcha das unidades da Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra”. Así mesmo, adiantou que “o obxectivo da Xunta de Galicia é completar este mapa e poñer en marcha a unidade de prevención do suicidio da área de Santiago este mesmo ano”.

Na súa intervención, García Comesaña destacou a importancia de coidar o benestar emocional da poboación durante toda a vida, poñendo especial énfase na súa atención durante as etapa da infancia e mocidade. Así, puxo en valor o novo Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil. Unha medida que, posta en marcha, en conxunto coa consellería de Educación, define a primeira vía rápida de derivación e valoración do risco suicida na adolescencia, ao coordinar os centros escolares co 061, os centros de atención primaria e os especialistas en saúde mental.

 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde