A XUNTA LICITA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A AMPLIACIÓN E REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE DE MEIRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 10 2022
A Xunta vén de licitar a redacción do proxecto básico e de execución e dirección da obra de ampliación e reforma  do centro de saúde de Meira.


As obras no centro, que é tamén o Punto de Atención Continuada (PAC) de referencia para os municipios da contorna (Pastoriza, A Pontenova, Ribeira de Piquín e Riotorto), consistirán nunha ampliación de arredor de 1.200 m2, o que significa triplicar a superficie do actual edificio. Isto permitirá crear novos espazos como unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente ou unha sala de técnicas na que realizar ecografías, cirurxía menor ou o programa da muller. Pola súa banda, na área do PAC incorporarase un box de críticos e melloraranse a zona de recepción e admisión e a sala de espera. No que se refire ao persoal, o centro contará por primeira vez con despacho de coordinación, sala de estar e vestiarios. Finalmente, adaptaranse os aseos.


Tal e como se recolle no Portal de contratos públicos de Galicia o prazo de execución para a redacción deste proxecto arquitectónico, unha vez adxudicado, será de dous meses, cun importe de licitación de case 159.000 euros.

Esta reforma e ampliación forma parte da Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, aprobado polo goberno galego en outubro de 2021 e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.

No caso de Meira, ao tratarse dunha obra sobre un edificio xa de titularidade autonómica e con parcela propia suficiente para acometer a obra sen necesidade de expropiación ou modificacións urbanísticas, a Xunta unicamente requiriu do concello a sinatura dun convenio para eximir esta obra de tributos municipais.

Así, en marzo de 2022, a Xunta, a través do seu delegado territorial en Lugo, trasladou ao concello unha proposta de convenio, finalmente asinado en xuño, no que se estableceu que o concello adquiría o compromiso de recoller a exención do IBI para esta infraestrutura sanitaria e a declarar a esta obra como  de especial interese ou utilidade municipal para aplicarlle unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras, de acordo co disposto no artigo 103.2.a) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Pola súa banda, no convenio a Xunta asumiu a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de modernización e ampliación do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos. 


Centros de saúde en Lugo no proxecto de Orzamentos

Na súa visita a Meira, o delegado territorial da Xunta destacou que no proxecto de Orzamentos que a Xunta vén de aprobar, o goberno galego reservou para rematar de pagar este proxecto e iniciar a licitación da obra unha cantidade de 170.000 euros dentro da partida de Plan de Atención Primaria de 1.476.552 € para “reformas, ampliacións e melloras de centros de saúde”. 

Nesa mesma partida están reservados 300.000 € para o proxecto de reforma do centro de saúde da Milagrosa na cidade de Lugo, que será licitado antes de rematar o ano pola Axencia Galega de Infraestruturas, así como 170.000 € para o proxecto de ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei, unha vez o concello notificou xa á Xunta a adquisición da parcela necesaria para acometer esta obra que permitirá unificar o centro de saúde e o Punto de Atención Continuada nun único edificio. 

Por outra banda, dentro da partida de 11.972.644 € de Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 están reservados 719.539 € para o inicio da obra do novo centro de saúde de Antas de Ulla, que se licitará antes de rematar o ano por parte da Axencia Galega de Infraestruturas.


Finalmente, existe unha reserva 500.000 € para licitar os proxectos de aqueles outros novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando o concello achegue unha parcela axeitada, que no caso da provincia de Lugo poderían ser os de Pantón, Sagrado Corazón ou Ribadeo (que xa asinou un protocolo coa Xunta para iniciar a adquisición da parcela).


Isto permitiría completar as actuacións contempladas para esta provincia nas fases 0 e 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021.


Cómpre lembrar que, desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde que, xunto cos 5 que están hoxe mesmo en construción, suman un investimento de máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.


En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao.


Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse  centros de saúde en Palas de Rei, Xermade ou Portomarín.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde