En Galicia prodúcense ao redor de 7.000 novos casos de ictus cada ano, polo
que esta doenza incluíuse no Plan de Prioridades da Consellería de Sanidade
porque é unha das causas de mortalidade na Comunidade Autónoma; unha das
patoloxías que causa máis anos de esperanza de vida perdidos; unha das doenzas
que ocasiona máis perdas de anos de vida axustados por discapacidade; e unha
das causas de morbilidade hospitalaria; e, por último, supón a primeira causa
de discapacidade permanente na idade adulta.
Coincidindo co dia Mundial do ICTUS, a Área Sanitaria da
Coruña e Cee, habilitou para este día unha mesa informativa onde profesionais
sanitarios deron información a cerca desta doenza a todas aquelas persoas que
se achegaron ata a planta 4ª do centro sanitario.
Funcionamento do Plan
O Plan require unha estreita colaboración entre os servizos de emerxencias
médicas, os centros de atención primaria, os hospitais comarcais, e os centros
de referencia.
Neste sentido, cando unha persoa sufra algún dos síntomas de ictus, deberá
chamar ben el ou ben algún acompañante ao 061. Os síntomas principais resúmense
en tres F´s: Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras
simples), Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez
segundos) e Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir).
Nese momento, o médico deste organismo confirmará a existencia do ictus a
través do protocolo específico, activará un código ictus e unha ambulancia
recollerá ao paciente para o seu traslado ao hospital máis próximo, mentres a
central do 061 avisa da súa chegada. Unha vez no hospital, terá acceso
prioritario ao Servizo de Radioloxía do centro, onde se lle fará un TAC craneal
de diagnóstico.
Se o hospital ao que é trasladado o paciente non dispón de neurólogo de
garda, os médicos de urxencias contactarán co Centro de Atención ao Ictus, que
estará dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. A través de
videoconferencia co neurólogo do Centro de Atención ao Ictus, este poderá
examinar á persoa mediante unha cámara web de alta resolución, interrogalo e
interpretar o TAC que se lle realizou. Logo desta avaliación, naqueles casos
que polas súas características sexan susceptibles de fibrinolise, esta
medicación será administrada no propio servizo de urxencias. A través da
avaliación decidirase tamén se o paciente é candidato de ser trasladado a un
hospital cunha unidade de ictus -en Galicia hai tres, na Coruña, Santiago e
Vigo- e/ou para a realización dunha trombectomía. O traslado farase no menor
tempo posible e, unha vez alí, valorarase se o paciente é candidato á
realización de dicha trombectomía mediante neuroloxía intervencionista co
obxectivo de recanalizar a obstrución que está producindo o ictus.
Nesta liña o subproxecto de Innovasaúde Central de Imaxe Médica é o
que permite que as imaxes radiolóxicas estean dispoñibles con alta calidade
diagnóstica para todos os profesionais do Sergas con competencias,
independentemente de onde esta se xere.
Tipos e factores de risco do ictus
O ictus é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación
cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. A
interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de
osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas
funcións.
Existen fundamentalmente dous tipos de ictus: o isquémico é o máis
frecuente e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o
sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro e que pode ser transitorio. Se
esta situación mantense no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión
afectada. O segundo tipo é o hemorráxico, aínda que é menos frecuente.
Orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas
envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.
Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida
e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade
(máis frecuente en maiores de 60 anos); a hipertensión arterial; a dislipemia
(colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; as arrítmias
cardíacas, especialmente a fibrilación auricular; o consumo de tabaco, alcohol
e drogas; e a vida sedentaria.
O ictus preséntase de forma brusca e inesperada. Constitúe unha emerxencia
médica que require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o
tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara
o cerebro, maior será o dano.