RUEDA ANUNCIA QUE A XUNTA PORÁ EN MARCHA EN 2023 O CENTRO DE FABRICACIÓN DE TERAPIAS AVANZADAS DE GALICIA PARA ELABORAR FÁRMACOS INNOVADORES CONTRA O CANCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 10 2022

​O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta porá en marcha, no vindeiro ano, o Centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) de Galicia para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes, cun investimento inicial de 2,5 millóns de euros.

Na presentación da Estratexia de xestión do cancro en Galicia para os vindeiros seis anos (2022-2028), no Hospital Lucis Augusti de Lugo, Rueda destacou que a iniciativa do Centro activárase en 2021, a pesar de que nos atopabamos en plena pandemia, e que este ano se contrataron as obras e o equipamento necesario. Agora, os Orzamentos 2023 darán un pulo definitivo para financiar as prazas de persoal e facer que o centro poida entrar en funcionamento xa no 2023.

Este é un dos dous proxectos innovadores da Xunta que suporán “un antes e un despois co que ten que ver co tratamento do cancro”. O outro é a construción, en Santiago de Compostela, dun centro de protonterapia –unha  técnica menos invasiva na loita contra os tumores– que fai que Galicia aspire a ser pioneira en ofrecelo a pacientes da sanidade pública, tanto aos galegos como aos de Castela e León e, previsiblemente, os de Asturias. Trátase dun proxecto moi relevante, tendo en conta que só hai dous hospitais privados en toda España que dispoñen deste tratamento.

“Hoxe podemos dicir que está máis preto de ser unha realidade, nos Orzamentos do ano 2023 xa vai unha partida de 10 millóns de euros para iniciar a obra do Centro de protonterapia”, que comportará un esforzo “absolutamente rendible e absolutamente necesario” de 28,5 millóns ata 2025”, destacou Rueda.

 Detección precoz

O presidente da Xunta afirmou que a meta que se persegue é “lograr que cada vez menos galegos enfermen de cancro e os que enfermen, aumentar a súa curación, a súa atención e a calidade de vida dos enfermos e das súas familias”. Para acadalo, puxo en valor os tres piares da Estratexia de xestión do cancro de Galicia, como son a prevención, a mellora asistencial dos pacientes e a aposta polo futuro e innovación, como se está facendo cos avances antes mencionados.

No capítulo da prevención, búscase controlar os factores de risco, incidir no diagnóstico precoz e afondar nos estilos de vida saudables. “Un diagnóstico precoz é, moitas veces, sinónimo dunha vida salvada”, alertou o presidente, e anunciou que o Goberno galego reforzará este capítulo cunha suba de ata un 70 por cento de diñeiro público no orzamento de 2023, ata chegar a un investimento de 2,6 millóns de euros.

Destacou, ademais, que a prevención verase reforzada coa creación do Observatorio de Saúde Pública de Galicia e lembrou que a nosa Comunidade é pioneira na introdución de cribados poboacionais, dando “pasos de xigante”  na detección precoz de cancro de mama –implantado hai 30 anos–, o programa de cribado en cancro colorrectal, ou o programa de detección precoz do cancro de cérvix, iniciado hai tres anos en Lugo, e que se quere estender a todas as áreas sanitarias de Galicia no 2023. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde