O FUTURO CENTRO DE PRODUCIÓN DE TERAPIAS AVANZADAS E O DE PROTONTERAPIA, PEDRAS ANGULARES NOS TRATAMENTOS ONCOLÓXICOS DE GALICIA DE CARA AO 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 11 2022
O conselleiro de Sanidade destacou hoxe a aposta da Xunta por poñer a disposición da cidadanía o mellor equipamento de diagnóstico para combater o cancro. Julio García Comesaña, que clausurou hoxe no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela a exposición sobre cancro de mama triple negativo “Cuadros con esperanza”, referiuse a dúas ferramentas que situarán a Galicia no ano 2023 na vangarda en novos tratamentos: o Centro de Produción de Terapias Avanzadas, que suporá un impulso á atención personalizada dos pacientes, e o centro de Protonterapia, que utiliza unha nova técnica de protóns para radiar tumores e destruír células cancerosas.

Estas ferramentas, como salientou o conselleiro de  Sanidade, reforzan a recentemente presentada Estratexia de xestión do Cancro en Galicia 2022-2028, que aplica unha serie de medidas para conseguir que cada vez menos persoas enfermen de cancro e se incremente a supervivencia dos que padecen a enfermidade. Todo elo a través de accións que contemplan o fomento de estilos de vida saudables na poboación, os diagnósticos temperás, o uso de tecnoloxía punteira e tratamentos especializados e innovadores, así como a creación dunha rede colaborativa con atención primaria para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas.

Julio García Comesaña agradeceu a invitación para coñecer o proxecto “Cuadros con esperanza”, que da a coñecer a historia de tres mulleres con cancro de mama triple negativo a través da innovación e a intelixencia artificial. 

Neste sentido, insistiu na necesidade de traballar na prevención e detección temperá en todos os tipos de cancro e lembrou que Galicia é pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais coa posta en marcha, en 1998, do programa galego de detección precoz do cancro de mama, que xa chega ao 100% da poboación obxectivo. O conselleiro aproveitou para destacar que xa está instalado no hospital Gil Casares de Santiago de Compostela o novo mamógrafo para o cribado do programa galego de detección precoz de cancro de mama. Con 196.000 euros de investimento, este novo equipo contará con tecnoloxía dixital 3D, que mellora a taxa de detección e rebaixa o número de biopsias. No hospital compostelá foron exploradas o pasado ano 22.847 mulleres, cun índice de participación que acadou o 82,2%.

Tamén,  referiuse ao programa de detección de cancro colorrectal, que botou a andar en 2013 e no que participaron máis de 500.000 persoas, ; e ao programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, iniciado en 2019 en Lugo e activo tamén nas áreas de Ferrol e Pontevedra, que se estenderá a todas as áreas sanitarias no ano 2023.

Así mesmo, García Comesaña salientou a necesidade de aumentar a capacidade investigadora, e lembrou a recente presentación, no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, da Unidade de Ensaios Clínicos en Fases Temperás, unha das 17 unidades acreditadas do total de 39 que hai en toda España.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde