​O SERVIZO DE ANATOMÍA PATOLÓXICA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL OBTÉN O CERTIFICADO DE CALIDADE ISO 9001:2015
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 11 2022


O xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; entregou esta mañá no Hospital Naval, a certificación obtida na norma ISO 9001:2015 polo Servizo de Anatomía Patolóxica.

Nesta liña, se no ano 2021 os servizos de Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministracións, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica e Formación renovaron as súas certificacións, e no alcance do sistema se incorporou a Área de Hemodiálise (certificou a súa calidade tanto coa norma ISO 9001:2015, como coa UNE 179003:2013, específica do ámbito sanitario, e na que se aborda a xestión dos riscos e da seguridade dos pacientes), neste ano 2022, é o servizo de Anatomía Patolóxica o que se incorpora ao Sistema de Xestión de Calidade coa certificación de todos os seus procesos: desde a fase preanalítica á fase post-analítica.

A fase preanalítica engloba todos os procesos levados a cabo no servizo desde a recepción de solicitudes e toma/recepción de mostras, ata a distribución das mesmas polas diferentes seccións do Servizo de Anatomía Patolóxica. Así mesmo, garántese que se cumpren cos estándares de calidade necesarios mediante o seguimento de toda a fase, xa que resulta especialmente crítica ao intervir nela distintos axentes involucrados na toma, recollida e transporte de mostras. 

A fase analítica engloba todos os procesos  levados a cabo no servizo unha vez realizada a recepción, rexistro e preparación de mostras, así como as que, unha vez procesadas integramente, corresponden á propia análise microscópica levada a cabo no servizo coa finalidade de obter un diagnóstico. A maiores, hai que dicir que o desenvolvemento desta fase é especialmente complexo xa que a variedade de mostras que se reciben fai que o inicio da fase analítica non sexa sempre a mesma, dado que a sistemática do estudo é moi diferente en función do tipo de mostra. 

En canto á fase post-analítica hai que dicir que tras os procesos levados a cabo no servizo, unha vez realizada a análise microscópica das distintas mostras e das técnicas complementarias necesarias para realizar o diagnóstico histopatolóxico, ata a edición e validación dos informes e o arquivo, tanto das mostras, como da documentación asociada a elas.

9 servizos certificados coa norma ISO 9001:2015

A área Sanitaria de Ferrol é pioneira na implantación dun sistema de xestión de calidade a nivel do Sistema Público de Saúde de Galicia. 

Neste senso, é preciso salientar a importancia da certificación obtida polo Servizo de Anatomía Patolóxica así como a dos servizos de Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministracións, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica, Formación e Hemodiálise xa que son o fiel reflexo do esforzo e dedicación que se require para tal fin, así como representan un orgullo, tanto para a Área Sanitaria de Ferrol, como para o conxunto do Sistema Sanitario Público de Galicia.

Este logro é froito do compromiso de todas e cada unha das persoas adscritas aos distintos servizos, que posúen ademais un alto nivel de capacitación, unha gran capacidade de traballo e unha entrega total na prestación dos seus servizos. Todo isto, garante o mantemento duns estándares de calidade que están en continua revisión e sometidos a avaliación periódica e sistemática por unha entidade externa independente.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde