O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA QUE O HOSPITAL DE BARBANZA CUMPRE ANOS RENOVÁNDOSE TRAS VISITAR A NOVA ÁREA DE ENDOSCOPIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 11 2022
O conselleiro de Sanidade visitou hoxe as instalacións da nova área de endoscopias do Hospital comarcal de Barbanza e anunciou a súa posta en servizo antes de rematar o ano 2022. Nunha visita enmarcada nos actos do 25 aniversario da infraestrutura hospitalaria, Julio García Comesaña explicou que esta rematada o groso da obra da nova área de endoscopias, na que a Xunta de Galicia investiu 620.000 euros, e que tan só faltan algúns detalles para a súa posta en servizo. “Todo isto é unha mostra de que o hospital cumpre anos renovándose, e imos garantir que esa renovación vai continuar nos vindeiros anos”, remarcou o conselleiro.

A nova área de endoscopias do Hospital de Barbanza conta con 130 m2 , o que supón un incremento da superficie dedicada á realización de endoscopias dixestivas. O equipamento inclúe melloras no eido tecnolóxico, cun bisturí eléctrico dixestivo e monitores de parámetros fisiolóxicos básicos. Tamén conta cun sistema de Endoscopia dixestiva, conformado por unha torre de endoscopia dixestiva e os equipos de reprocesamento con dúas lavadoras para a desinfección dos endoscopios, un armario de secado e almacenamento esterilizado, así como catro monitores multiparamétricos de última xeración. 


Esta actuación proporcionará unha mellor calidade e confortabilidade desta área, así como a modernización dos procesos de asepsia e mellores condicións tamén para que os  profesionais dos que dispón este hospital poidan realizar da mellor maneira posible a súa labor. 

Ampliación da área de hospitalización e aposta polos hospitais comarcais  

Julio García Comesaña anunciou durante a súa visita ao Barbanza que o proxecto de orzamentos da consellería para o ano 2023 inclúe tamén 200.000 euros para iniciar as obras de ampliación da área de hospitalización do centro sanitario , e lembrou que no ano 2020 a Xunta rematou as obras de ampliación do 40 % da superficie da súa área de urxencias, cun investimento de 1,8 millóns de euros.

O conselleiro de Sanidade referiuse ademais as melloras que o departamento que dirixe puxo en marcha nos sete hospitais comarcais de Galicia, que amosan a aposta da Xunta por esta rede de hospitais. No Barbanza, este ano se adxudicou un novo TAC,  que foi instalado hai uns días, e que ten un investimento de 400.000 euros.

Tamén, Julio Garcia Comesaña salientou a aposta da Xunta pola dotación de máis persoal fixo nos hospitais comarcais, e lembrou que o Parlamento ven de aprobar unha lei que vai permitir cubrir as vacantes de especialidades médicas en hospitais como o do Barbanza a través do concurso de méritos.

En definitiva, o conselleiro destacou a aposta da Xunta por mellorar, con obras, equipamentos e persoal, a rede de hospitais comarcais de Galicia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde