​GALICIA, ENTRE AS CATRO COMUNIDADES AUTÓNOMAS CON MAIOR NÚMERO DE INSTITUTOS DE INVESTIGACIÓN SANITARIA ACREDITADOS NO PAÍS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 11 2022
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou esta mañá, nas XVI Xornadas CIBER-BBN, de Biomedicina, Biomateriais e Nanomedicina, a importante capacidade investigadora sanitaria coa que conta Galicia, ao situarse como a cuarta comunidade autónoma con maior número de institutos acreditados.

Na xornada de hoxe, o Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña acolleu por primeira vez as xornadas anuais do CIBER-BBN, referente da investigación e innovación tecnolóxica a nivel nacional e internacional. O Ciber de Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina CIBER-BBN, é un dos 13 grupos que conforman o Centro de Investigación Biomédica en Rede de España, un consorcio que conta con os máis de 5.000 investigadores, e máis de 500 equipos de investigación.

Na compaña do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López; o director do Instituto de saúde Carlos III, Cristobal Belda-Iniesta; a directora científica do INIBIC, Mar Castellanos Rodrigo, e o director do CIBER-BBN, Ramón Martínez Mánez; o titular de Sanidade salientou o grande impacto que posúen os estudos científicos que está a desenvolver o CIBER-BBN, poñendo en valor a súa alta capacidade innovadora, e a súa capacidade para xerar instrumentos e métodos que teñen por obxecto mellorar a saúde dos pacientes.

Ademais, destacou a firme aposta do Executivo galego polo ámbito da investigación, apuntando que, os orzamentos autonómicos do ano 2023, rexistrarán un incremento, do 9,4% neste eido,  ata acadar os 5,7 millóns de euros. Nesta liña, lembrou que a Xunta de Galicia xa está a traballar na integración no Sector público das tres fundacións de investigación sanitaria coas que conta a comunidade galega.

García Comesaña pechou a súa intervención agradecendo que Galicia fose escollida como punto de encontro para levar a cabo unhas xornadas de intercambio de información e ideas que, de seguro, reverterán dun xeito positivo en beneficio de toda a poboación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde