O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA QUE O NOVO CENTRO DE PROTONTERAPIA SITÚARÁ A GALICIA NA VANGARDA EN NOVOS TRATAMENTOS CONTRA O CANCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 11 2022
 O proxecto de Orzamentos para 2023 reserva 10 M€ para iniciar a construción dun centro de Protonterapia en Galicia, que situará a Galicia na vangarda en novos tratamentos contra o cancro e que aspira a ser o primeiro do sistema sanitario público español.

Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na presentación deste novo centro, nun acto celebrado na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela no que estiveron presentes o reitor da USC, Antonio López Díaz, e a decana da Facultade de Física, Elena López Lago, xunto a outros cargos da facultade.

García Comesaña salientou que o novo centro de Protonterapia utilizará unha nova técnica de protóns para radiar tumores e destruír células cancerosas. Esta ferramenta reforza a recentemente presentada Estratexia de xestión do Cancro en Galicia 2022-2028, que aplica medidas para conseguir que cada vez menos persoas enfermen de cancro e se incremente a supervivencia dos que padecen a enfermidade. 

“A Xunta quere situar a Galicia na vangarda dos tratamentos máis avanzados para combatir e tratar os cancros. Neste sentido, temos dúas novidades que resaltar para os vindeiros anos que farán que Galicia conte cos máis novidosos procedementos no ámbito oncolóxico: un centro de Protonterapia e un centro de Produción de Terapias avanzadas”, destacou o conselleiro de Sanidade.

García Comesaña foi máis aló ao sinalar que os orzamentos de 2023 “destinan unha partida de 10 M€ para iniciar a obra do novo centro, que contará cun investimento total de 28,5 M€ ata 2025. A intención do goberno galego é que, dados os estudos previos feitos sobre o asunto, o centro galego sexa o primeiro de España en poñerse en marcha”, remarcou o conselleiro.

Estará emprazado en Santiago de Compostela, e Galicia aspira a ser pioneira en ofrecelo a pacientes da sanidade pública, tanto aos galegos como aos de Castela e León e, previsiblemente, os de Asturias. “Trátase dun proxecto moi relevante, tendo en conta que só hai dous hospitais privados en toda España que dispoñen deste tratamento”, lembrou o conselleiro.

A Xunta xa comezara a traballar a inicios de 2021 coas universidades galegas a través dun convenio que anunciaba a inclusión dun centro de protonterapia entre os proxectos prioritarios da candidatura galega aos fondos Next Generation.  

Neste momento só dous centros privados de España (grupo Quirón Saúde e centro CUN en Madrid) ofrecen esta terapia, e Galicia será o primeiro servizo público en ofrecer este tratamento.

En outubro de 2021 a Xunta participou na sinatura dun convenio na Moncloa a través do que a Fundación Amancio Ortega achegou 280 millóns de euros ao Goberno de España para instalar 10 equipos de protonterapia en todo o Sistema Nacional de Salud, un deles en Galicia. 

A Xunta decidiu instalar o seu equipo en Santiago de Compostela, contando xa cun anteproxecto arquitectónico para a construción do centro que o albergará xusto en fronte do hospital clínico, nun novo edificio de arredor de 4.000 m2 que terá conexión  co Clínico e co Gil Casares e que dará servizo a toda Galicia.

Beneficios da protonterapia: máis precisión na radiación e menos efectos adversos

A protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que utiliza un feixe de protóns que permiten maior precisión ao impartir a dose de radiación, diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor. 

A protonterapia demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns. É unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa os tratamentos, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. A protonterapia reduce de forma significativa tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción. 

A diferenza da radiación de fotóns tradicional, que usa raios X para atacar o tumor, pero que aplica radiación en tecido san, a terapia de protóns é un tratamento que dirixe protóns cargados positivamente ao tumor, onde depositan a maior parte da dose de radiación. Con esta terapia, a radiación residual é mínima, o que reduce potencialmente os efectos secundarios e o dano ao tecido circundante.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde