O SERGAS PUBLICA POR PRIMEIRA VEZ A APERTURA DAS LISTAS DE SELECCIÓN DE PERSOAL ESTATUTARIO TEMPORAL DE BIBLIOTECARIO E TÉCNICO DE GRAO MEDIO EN BIBLIOTECONOMÍA E DOCUMENTACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 11 2022
 
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se da publicidade á apertura das listas de selección de persoal estatutario temporal bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación.

Nos próximos días está previsto que se aprobe no Consello da Xunta de Galicia o Decreto de creación destas dúas categorías, o que converterá á comunidade autónoma de Galicia nunha pioneira na súa regulación. Sen prexuízo desta próxima aprobación e para axilizar a pronta dispoñibilidade destas listas de contratación temporal, o Servizo Galego de Saúde comeza xa, con esta publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia, coa tramitación inicial de apertura das listas de bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación.

As bibliotecas do Servizo Galego de Saúde, cuxo papel na organización foi potenciado coa creación da biblioteca virtual Bibliosaúde por Orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 29 de xuño), desenvolven a función esencial de difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde e poñer a disposición das persoas usuarias información relevante e actualizada para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia, a investigación e a xestión. En correspondencia con ese relevante papel e na procura de impulsalo, o Servizo Galego de Saúde publica a apertura destas dúas novas listas de selección de persoal estatuario temporal no ámbito da biblioteconomía e documentación.

Tal e como recolle a convocatoria, o persoal bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación exercerá as función inherentes que derivan das súas titulacións de acceso nas bibliotecas do Servizo Galego de Saúde.

A inscrición efectuarase a través do sistema de información Fides/expedient-e.

Para calquera dúbida relacionada con este proceso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: seleccion.temporal@sergas.es

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde