O SERGAS PUBLICA POR PRIMEIRA VEZ A APERTURA DA LISTA DE SELECCIÓN DE PERSOAL ESTATUTARIO TEMPORAL DIETISTA-NUTRICIONISTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 11 2022
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á apertura da lista de selección de persoal estatutario temporal dietista-nutricionista.

Nos próximos días está previsto que se aprobe no Consello da Xunta de Galicia o Decreto de creación desta categoría. Sen prexuízo desta próxima aprobación e para axilizar a pronta dispoñibilidade desta lista de contratación temporal, o Servizo Galego de Saúde comeza xa, con esta publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia, coa tramitación inicial de apertura da lista de persoal dietista-nutricionista.

Actualmente o Servizo Galego de Saúde xa dispón de listas de contratación temporal para a categoría de técnico/a superior en dietética, na que o acceso está habilitado para aspirantes con titulación de formación profesional de grao superior, subgrupo C1, e coa apertura desta nova lista de persoal dietista-nutricionista amplía a súa oferta de inscrición ao persoal con titulación de grao universitario, subgrupo A2.

Entre as liñas de actuación da Administración sanitaria no ámbito da atención primaria figura definir e impulsar unha estratexia de saúde comunitaria que integre, entre outros, aqueles factores que, como a dieta, están relacionados co estilo de vida. Por outra parte, tamén se considera estratéxico conectar os equipos de atención primaria con algunhas funcións, entre elas as propias dos/as nutricionistas, que cada vez serán máis necesarias para a prestación dos coidados que necesitan determinados/as pacientes. Sen embargo, dado o amplo currículo formativo desta profesión sanitaria, non se restrinxen as súas actividades ao ámbito da atención primaria, polo que se a prestación da asistencia así o demanda, a actividade deste colectivo profesional podería estenderse, igualmente, ao ámbito da atención hospitalaria.

Tal e como recolle a convocatoria, o persoal dietista-nutricionista do Servizo Galego de Saúde desenvolverá, con carácter xeral, actividades orientadas á alimentación da persoa ou de grupos de persoas, adecuadas ás necesidades fisiolóxicas e, de ser o caso, patolóxicas das mesmas, e de acordo cos principios de prevención e saúde pública.

As persoas interesadas poderán formalizar as solicitudes de inscrición nesta primeira xeración de lista, no prazo dos dez días hábiles seguintes á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir, entre o 8 de novembro de 2022 e o 21 de novembro de 2022.

A inscrición efectuarase a través do sistema de información Fides/expedient-e.

Para calquera dúbida relacionada con este proceso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: seleccion.temporal@sergas.es

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde