O SERGAS ABRE O PRAZO DE ELECCIÓN TELEMÁTICA DE DESTINO DE 893 FACULTATIVOS DE DIFERENTES ESPECIALIDADES, E OUTRAS 315 DAS CATEGORÍAS DE TÉCNICO SANITARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 11 2022
 

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo/a especialista de área (de 37 especialidades), médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a asistencial do 061, médico/a de admisión e documentación clínica, técnico/a en farmacia, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico/a superior en radioterapia, deste xeito, iniciase o prazo para a elección de destino. 

O 76,30 % das persoas seleccionadas son mulleres e un total de 1.180 xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, conseguindo ao ter superado a oposición a estabilización no organismo como persoal fixo. 

Nas categorías de persoal médicos presentáronse ao proceso selectivo 2.788 aspirantes, obtendo praza 893 aspirantes, o que supón que o 32% dos presentados conseguen praza fixa no SERGAS. Con este proceso o Servizo Galego de Saúde adiántase aos procesos de estabilización previsto na  Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Se ben en execución desta lei, antes de que remate o ano 2022, Sanidade ten previsto convocar 321 prazas de médicos/as, continuando coa estabilización dos seus profesionais. A media de idade dos/das aspirantes seleccionados/as sitúase en 42 anos. Ademais, un total de 42 persoas (3’4%), teñen a súa residencia fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Están convocados/as para a elección de destino un total de 1.208 persoas aspirantes, coa distribución de prazas que consta no seguinte cadro:


cadro listas.png


Prazo para a elección de destino

Os/as aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 11 e o 24 de novembro próximos para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.


Procedemento

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O/a aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos/das cidadáns/ás de relacionarse electronicamente coas Administracións Públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde