A XUNTA ENVIARÁ DIRECTAMENTE AOS DOMICILIOS OS TEST DE CRIBADO PARA A DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO COLORRECTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 11 2022
 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade vén de acordar modificar a estratexia do Programa de Detección Precoz de Cancro Colorrectal, tras confirmar por medio dunha pilotaxe, e un estudo comparativo, a posibilidade de incrementar a súa taxa de participación até en 12.000 participantes.

A Xunta optimizará en toda Galicia a súa estratexia de cribado de cancro colorrectal co obxectivo de incrementar a participación, e tamén detectar un maior número de casos

Ata o de agora, o Sanidade enviaba por correo ordinario unha invitación á poboación diana deste programa, convidándoo a participar no mesmo. No caso de que o usuario aceptase participar, enviábaselle ao domicilio un kit para realizar a toma de mostra. Mediante este procedemento leváronse a cabo un total de 1.300.000 invitacións válidas dende o inicio do programa, das que entregaron o test algo máis de 423.000 (32’6% en rolda inicial).

Neste senso, tras poñer recentemente en marcha unha pilotaxe na área sanitaria da Coruña e Cee, Sanidade detectou que se pode acadar un incremento de 12.000 participantes ao ano, se se procede a enviar directamente os kits de toma de mostra á poboación diana (sen previa invitación por correo). Ademais, este estudo comparativo revelou que o devandito incremento de participación,  permitiría detectar ao redor de 50 casos máis de cancro ao ano.

Na procura de mellorar o número de participantes, Sanidade realizou un estudo comparativo entre esta estratexia tradicional e a nova pilotaxe implementada na área sanitaria da Coruña e Cee.

A análise comparou os dous sistemas empregados e, por unha banda, desprendeu que no espazo de tempo comprendido entre o meses de xaneiro e outubro de 2021, se acadou unha taxa de participación no cribado do 23,75 %, mediante o emprego da metodoloxía tradicional.

Pola súa banda, a estratexia piloto levada a cabo entre o 1 de novembro do ano 2021 e o 30 de xuño do ano 2022 na área sanitaria da Coruña e Cee, e na que se procedía ao envío directo dos test aos domicilio -sen invitación previa por correo-, acadou unha participación en rolda inicial do 33,9 %.

Este cambio de estratexia será unha vantaxe a futuro, dado que permite incrementar a participación en roldas iniciais e, por ende, a detección de máis casos. Ao mesmo tempo, permitirá reducir os custes derivados dos posibles casos de cancro colorrectal que se detectarían fóra do programa de cribado (sintomáticos).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde