OS SERVIZOS DE UROLOXÍA DO SERGAS REALIZARON MÁIS DE 770 INTERVENCIÓNS COS ROBOTS DA VINCI, UN ANO DESPOIS DA SÚA IMPLANTACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 11 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, clausurou esta mañá en Vigo, as XXIII Xornadas Cirúrxicas da Sociedade Galega de Uroloxía, nas que destacou as máis de 770 intervencións que os Servizos de Uroloxía dos hospitais galegos levan realizados cos robots Da Vinci, tan só un ano despois da súa implantación.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu un acto no que se expuxeron as últimas novidades vencelladas á práctica cirúrxica nesta especialidade médica. Así, o responsable da Sanidade galega salientou o importante avance que supuxo para o sistema sanitario público galego o poder contar con equipamento robotizado para levar a cabo estas intervencións.

Sobre este particular, García Comesaña puxo en valor que na actualidade que o Servizo Galego de Saúde xa levase a cabo máis de 320 actividades formativas vencelladas á cirurxía robótica, e que, ademais, conte con 60 titores, 84 cirurxiáns de consola acreditados e 168 cirurxiáns asistentes, xa formados

Nomeadamente, no campo da Uroloxía o Sergas conta con 14 titores, 23 cirurxiáns de consola acreditados e 46 cirurxiáns asistentes formados. Un desenvolvemento, esforzo e dedicación profesional, que agradeceu o conselleiro.

“Os resultados dinnos que imos polo bo camiño” apuntou o titular de Sanidade, ao tempo que avanzou que, en pouco máis dun ano, “os servizos de Uroloxía realizaron o 37% das intervencións levadas a cabo cos robots Da Vinci, máis de 770 intervencións”.

Unidades funcionais multidisciplinares de solo pelviano

Durante a súa intervención, tamén lembrou que desde o ano 2017, Galicia conta cun programa estruturado de atención ás disfuncións do solo pelviano en Atención Primaria e que, recentemente, foron aprobados os criterios xerais para a posta en marcha, antes de que acabe o ano, das Unidades funcionais multidisciplinares de Solo Pelviano, en todas as áreas sanitarias galegas. 

Neste senso, explicou que entre os devanditos criterios básicos, se estableceu que os equipos de profesionais destas Unidades estarán formados -como mínimo- por especialistas en: xinecoloxía e obstetricia, uroloxía e rehabilitación, fisioterapeutas e matrón/a ou enfermaría. 

Porén, remarcou a importancia que terán as achegas, as experiencias e o coñecemento dos profesionais do eido da uroloxía, no obxectivo común de acadar unha optimización da prestación asistencial que se lle ofrece á poboación galega.

O conselleiro de Sanidade clausurou o acto agradecendo á organización e aos participantes da Xornada o seu esforzo e dedicación por avanzar no coñecemento da especialidade e, sobre todo, por contribuír a mellorar a calidade de vida dos pacientes  galegos, “ao poñer ao seu alcance a mellor cirurxía urolóxica posible”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde