A XUNTA SALIENTA O LABOR DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO, NO OBXECTIVO COMÚN DE MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DOS PACIENTES ONCONLÓXICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 11 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor, esta noite, na XII Cea solidaria da Asociación Española Contra o Cancro, o encomiable labor que realiza esta organización no obxectivo compartido coa Xunta de Galicia, de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen unha enfermidade de tipo oncolóxico.

Nesta liña, precisou que a colaboración entre a AECC e a Xunta estenderase no tempo, dado que, a atención das persoas que padecen algún tipo de cancro seguirá a ser unha prioridade para o Executivo Galego.

García Comesaña remarcou a importancia que terá a recentemente aprobada “Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia 2022-2028”. Un documento que define unha folla de ruta clara e que vai supoñer un salto cualitativo na abordaxe integral do cancro. Así, esta estratexia abordará o cancro en todas as súas fases, intervindo na súa prevención, asistencia, tratamento, investigación e innovación.

Do mesmo xeito, o conselleiro salientou que a Xunta incrementará nun 70% a partida orzamentaria destinada aos Programas poboacionais de cribado do ano 2023, e que se seguirá a mellorar o equipamento dos hospitais galegos, para acadar uns diagnósticos máis precisos destas enfermidades.

Por último, subliñou a importancia dos dous grandes proxectos previstos en Galicia para loitar contra o cancro: o Centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) e a incorporación á sanidade pública galega dun Centro de Protonterapia. Unhas actuacións que situarán a Galicia na vangarda dos tratamentos oncolóxicos e que, xunto co grande equipo de profesionais especializados cos que conta o Sergas “conseguirase reducir a incidencia do cancro, e seguir aumentando a curación e a mellora da calidade de vida daquelas persoas que padecen a enfermidade”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde