A ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE PRESENTA O SEU PLAN DE CONTINXENCIA DA GRIPE E INFECCIÓNS RESPIRATORIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 11 2022

A Gripe e unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos que pode cursar síntomas como: febre igual o maior a 38º C nas fases iniciais así como malestar xeral, dor de garganta, tose, cefalea, dores musculares xeneralizados, conxestión nasal, esbirros, vómitos e diarrea.

O contaxio é de persoa a persoa a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao falar, tusir ou esbirrar, e tamén de forma indirecta, ao tocar algún obxecto que estea contaminado co virus da gripe.

Os casos de gripe confirmada así como os cadros de infeccións respiratorias que se producen no período invernal, fan que a poboación faga uso dos diferentes dispositivos asistenciais á súa disposición, polo que en previsión do incremento significativo da demanda e para poder dar unha mellor atención os nosos pacientes elaborouse un Plan de Continxencia da gripe e das infeccións respiratorias na Área Sanitaria da Coruña e Cee.

Obxectivos do Plan

Este Plan, elaborado de xeito multidisciplinar entre os distintos servizos clínicos implicados no manexo desta enfermidade vírica, como medicina preventiva, microbioloxía, medicina interna, neumoloxía, urxencias e pediatría, ten como obxectivo evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e a que se produzan abrochos, previr os picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais da nosa área, prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe, COVID e infeccións respiratorias coa mínima incidencia sobre a actividade global e facilitar e mellorar a drenaxe dos pacientes no servizo de urxencias.

Un dos problemas principais ao que temos que enfrontarnos e á súa rápida expansión, por iso a necesidade de recordar e insistir nas medidas adicionais e na hixiene de mans entre profesionais e acompañantes.

Accións específicas

Co fin de minimizar o impacto da gripe entre o persoal sanitario, o Servizo de Medicina Preventiva, en coordinación coas correspondentes direccións levará a cabo unha tarefa de concienciación e promoción activa da vacinación entre o persoal sanitario tanto nos Centros Hospitalarios coma nos centros de Atención Primaria.

Do mesmo xeito o Servizo de Medicina Preventiva estará coordinado co resto dos Servizos implicados na adopción de medidas preventivas para a difusión do virus a nivel intrahospitalario.

Os recursos materiais e humanos dispoñibles para a realización deste Plan iranse adecuando en función da situación epidemiolóxica e das previsións que a tendencia da onda de difusión do virus faga prever.

Para iso avaliaranse todos os datos dispoñibles (clínicos e epidemiolóxicos) tratando de adaptar os recursos de forma axeitada as necesidades reais de atención dos pacientes  buscando a máxima calidade e seguridade na atención a estes, procurando o menor impacto posible no resto da actividade asistencial habitual do centro.

Novidades 2022-2023

Este ano, como novidades con respecto ao pasado ano caben destacar: a incorporación dun plan específico no ámbito pediátrico; a optimización das probas diagnósticas e os seus tempos, así como a de espazos e recursos; potenciación do Programa U-MAX e adecuación dos circuítos no Servizo de Urxencias na situación de abrocho epidémico; priorización das probas complementarias pre-alta dos pacientes (probas radiolóxicas, sintrom, ...) co fin de que a alta efectiva poida ser realizada no menor tempo posible; e por último a creación de circuítos alternativos á hospitalización a través da derivación a consultas específicas (cardioloxía, medicina interna, neumoloxía ou dixestivo)

Este protocolo servirá como guía de actuación para as continxencias que poidan suceder debidas á gripe, COVID e infeccións respiratorias. Poderá ser revisado e/ou actualizado en función de criterios clínicos e epidemiolóxicos segundo as circunstancias así o requiran.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde