A XUNTA DESTACA AS ACHEGAS GALEGAS EN AVALIACIÓN DE PSEUDOTERAPIAS E AS MEDIDAS DE CONTROL DA COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 11 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na clausura das IX Xornadas de Avaliación RedETS, celebrada hoxe en Santiago de Compostela, o traballo da unidade galega de avaliación Avalia-T en ámbitos como a investigación sobre pseudoterapias e sobre as medidas non farmacolóxicas de control sobre a covid-19.

O conselleiro de Sanidade salientou, na xornada organizada pola Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias e a Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS) os avances acadados por Avalia-T, que colabora dende o ano 1999 na produción de informes e guías que dan cobertura a todos os niveis do Sistema Nacional de Salud. A súa investigación sobre pseudoterapias, segundo Julio García Comesaña, “determinou a ineficacia da magnetoterapia estática no tratamento da dor aguda e crónica e amosou que a terapia con ventosas en patoloxías non osteomusculares non se pode considerar unha terapia segura”.

En canto as medidas non farmacolóxicas de control sobre a covid-19 desenvoltas pola axencia, “estas avalan boa parte das que adoptamos nesta comunidade autónoma nas peores fases da pandemia”, dixo o conselleiro, quen destacou a continuación outros traballos realizados pola axencia, como a revisión sobre o cribado da eficacia clínica do cribado neonatal da hiperplasia suprarrenal conxénita clásica, ou a súa xestión en guías de práctica clínica, “que serán de utilidade para o Conxunto do Sistema Nacional de Saúde”. 

Do traballo coas guías, mencionou as recomendacións de uso axeitado de probas e suplementos de vitamina D na poboación en xeral, ou a guía sobre atención paliativa ao adulto en situación de últimos días, “que proporciona información moi valiosa tanto aos profesionais sanitarios como aos familiares e achegados”.

Julio García Comesaña felicitou deste xeito ao persoal de Avalia-T e a todos os membros da rede polo seu traballo e as súas importantes contribucións para profesionais, pacientes e investigadores.

Galicia está a exercer este ano a presidencia rotatoria da Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias. Avalia-T,  a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde -ACIS – xunto ao Ministerio de Sanidade, organizan estas IX Xornadas de Avaliación da Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Saniarias (RedETS), que se celebran no auditorio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago o 14 e 15 de novembro. Baixo o nome RedETS en Camiño, expertos de diferentes organismos de avaliación amosaron as súas perspectivas e debatíronse proxectos relevantes que están en marcha nestes momentos, como os marcos de avaliación para as tecnoloxías dixitais e para a medicina personalizada ou o uso de datos do mundo real nas avaliacións. A xornada de hoxe tamén contou cun experto asesor en avaliación da Organización Panamericana da Saúde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde