A XUNTA PON EN MARCHA EN SANTIAGO UN PLAN PILOTO DE VACINACIÓN DA GRIPE Á POBOACIÓN PEDIÁTRICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2022
 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e do xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón, presentou hoxe o plan piloto de vacinación para nenos e nenas menores de 5 anos que esta fin de semana se levará a cabo na área sanitaria de Santiago e Barbanza.

 Concretamente, Julio García Comesaña avanzou que hoxe ás 14 horas, a Consellería de Sanidade citará a través de SMS a un total de 3.293 nenos e nenas de entre 5 e 59 meses de distintos centros de saúde de Santiago de Compostela, para seren vacinados da gripe esta fin de semana no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Trátase dunha experiencia piloto coa que a Consellería de Sanidade quere incrementar os niveis de vacinación da gripe entre a poboación infantil, que ascenden agora ao 27 por cento, o que supón arredor de 20.000 cativos.

Aínda que, segundo precisou o conselleiro, os niveis de vacinación da gripe entre os máis pequenos -medida que a Xunta puxo en marcha por primeira vez  e de forma pioneira en Galicia este ano- alcanzan unhas porcentaxes altas, a Consellería de Sanidade quere incrementalas, e animar á poboación a vacinarse da gripe xa que, no caso dos máis pequenos, “ademais de evitar contraer a enfermidade, a vacina actúa de cortalumes para evitar a súa transmisión entre a poboación adulta”, tal e como lembrou o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón.

Asi mesmo, o responsable de Pediatría do hospital santiagués subliñou que a proba piloto “pretende facilitar e alcanzar coberturas máis altas en menos tempo, sobre todo polo adianto da gripe esta tempada”.

Esta proba de vacinación masiva á poboación pediátrica diana terá lugar no Hospital Clínico de Santiago de Compostela este sábado, 19 de novembro - entre a las 15:30 e 20 horas – e o domingo, 20 de novembro -entre as 10 e as 14:30 horas-. Os 3.293 rapaces citados serán nenos con tarxeta sanitaria dos centros de saúde de Santiago cidade, como o Concepción Arenal, Vite, Fontiñas, Conxo, Os Tilos, Cacheiras, Bembibre, Vedra, Folgueiras-Calo, Galeras, aos que se suman os de Milladoiro, Bertamirán, Boqueixón, Brión e Oroso.

Alta cobertura na poboación maior de 60 anos

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, ofreceu datos campaña da vacinación da gripe en Galicia. Sinalou que ata o de agora vacináronse máis de 580.000 persoas maiores de 60 anos, cunha cobertura do 65,81 por cento; mentres que cobertura da vacinación entre a poboación maior de 65 anos alcanzou o 71,92 por cento, cun total de 499.226 vacinados. A esta poboación hai que engadir 25.000 profesionais sanitarios e 4.700 mulleres embarazadas, así coma os 20.000 nenos e nenas de entre 5 e 59 meses vacinados.

Carmen Durán, quen animou a toda a poboación a vacinarse da gripe polo adianto estacional desta enfermidade, subliñou tamén que desde o 15 de setembro, un total de 3.437 nenos recibiron a vacina do Virus do Papiloma Humano en Galicia, cunha cobertura do 29%; e un total de 367 nenos recibiron a vacina da Meninxite B.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde