​A XUNTA APLICARÁ O FUTURO ESTATUTO DE PERSOAL INVESTIGADOR AOS INSTITUTOS DE INVESTIGACIÓN SANITARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá na VI Xornada de Encontro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Durante a súa intervención, o titular de sanidade destacou que Xunta incorporará no ano 2023 ás tres fundacións de investigación sanitaria ao sector público autonómico, o que permitirá que o seu persoal se poida acoller ao futuro Estatuto.

García Comesaña salientou a importancia que posúe que unha comunidade con menos de tres millóns de habitantes conte con tres institutos de investigación sanitaria acreditados.  Así, tras ser acreditado recentemente, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Galicia completa o seu mapa de centros acreditados.

“Estes resultados débense ao alto nivel dos profesionais adscritos e a firme aposta pola investigación, o que redunda na mellora do sistema sanitario e da sociedade”, apuntou.

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur reflicte a súa excelencia a través dos proxectos que saen das súas áreas de investigación, no eido da neurociencia, do cancro ou da medicina rexenerativa. Ademais, tamén emprega a intelixencia artificial no marco da investigación cardiovascular, e achegou importantes contribucións á monitorización en tempo real da covid-19 en Galicia.

Entre os seus diversos proxectos o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, García Comesaña destacou a súa colaboración no proxecto ‘ImidVac’. Unha plataforma que foi desenvolta por un grupo de profesionais sanitarios dedicados a asistencia clínica e a investigación, e que está formado por reumatólogos, médicos preventivistas e persoal de enfermería da área sanitaria de Vigo. 

Este proxecto está enfocado aos pacientes con enfermidades reumáticas inflamatorias crónicas e entre os seus obxectivos estar o ofrecer información sobre a vacinación a este colectivo de persoas dun xeito práctico e sinxelo.

Aposta pola investigación

A firme aposta da Xunta de Galicia pola investigación reflíctese no conxunto de medidas adoptadas, nesta lexislatura, ao redor dos centros deste ámbito.

Así, en xullo do ano 2021, asinou o primeiro convenio colectivo específico para o persoal das tres Fundacións de Investigación Sanitarias de Galicia, unhas entidades ás que lle corresponde a estrutura de xestión dos Institutos. Este foi o primeiro paso para homoxeneizar as categorías de persoal, introducir as melloras salariais e implantar plans de formación.

Ademais, o pasado mes de abril, o Consello da Xunta aprobou un novo contrato plurianual de xestión coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), ata o ano 2025 introducindo como unha das principais funcións desta axencia a consolidación dunha estrutura de servizo ao persoal investigador. No seu desenvolvemento, dos meses despois autorizou a sinatura dos convenios de colaboración entre ACIS e as tres fundacións de investigación sanitaria, no marco do programa InTres de fomento da investigación traslacional de excelencia.

Por último, e xunto coa Lei de medidas fiscais e administrativas para 2023 na que se promove que estas fundacións de investigación biomédica adquiran o carácter de fundacións do sector público autonómico; a pasada semana o presidente da Xunta anunciou a creación dun Estatuto para o persoal investigador de centros públicos que, ademais de mellorar a súa calidade laboral, servirá para atraer a investigadores doutros países e comunidades.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde