Diferentes servizos do Hospital
Universitario de Ourense acollen desde hoxe a exposición ArteNON,
unha mostra itinerante que reúne a visión de doce ilustradoras sobre a
violencia de xénero, promovida pola Consellería de Emprego e Igualdade, e que
servirá de punto de partida para os actos previstos, neste mes de novembro, para
concienciar sobre a lacra da violencia ao persoal sanitario, e do seu importante
papel de detección, apoio e axuda ás mulleres que a sofren.
O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel
Alén, percorreu esta mañá algúns dos espazos do hospital que acollen as pezas, onde
estivo acompañado por distintos colectivos de profesionais sanitarios, que ao
longo deste mes poderán atopar nos seus servizos as obras que compoñen a
exposición, que tamén se moverán dentro do centro, servindo como elemento de
concienciación e visibilidade, e
compartir nas redes sociais o seu apoio á loita contra a violencia.
A violencia non distingue ás mulleres por idade,
capacidade económica, situación social ou profesión, polo que visibilizala e
combatila é especialmente importante no sector sanitario, formado en Ourense por
un 82% de mulleres que, a súa vez teñen un dobre papel de vixilancia: coas
pacientes, nas consultas e urxencias, e como compañeiros e compañeiras na
escoita activa e alerta ante calquera indicio, nun entorno esencialmente
feminino, e por tanto con moitas posibilidades de que algunha estea a sufrir esa situación.
A visión de doce artistas galegas
Con esta mostra, a Xunta de Galicia pretende
contribuír á concienciación de toda a sociedade contra a violencia de xénero
nas súas múltiples formas e manifestacións. Trátase de sensibilizar, para
visibilizar e crear conciencia social, dicíndolle “non” á violencia de xénero. O
obxectivo da mostra é contribuir a xerar reflexión e debate, poñendo a loita
contra a violencia no centro.
As artistas, de diferentes idades e
experiencias, empregan a arte como instrumento de loita pola igualdade de
xénero e como símbolo de empoderamento feminino contra as agresións machistas. Trátase
de Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira,
Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoia de Luxán,
Lara Torres e Laura Tova. Todas as pezas están acompañadas dun póster que recolle
información sobre as súas autoras, proxección e carreira artística, ademais
dunha sinopsis da obra.
A mostra, que estivo antes en Lugo e na
Biblioteca Pública de Ourense permanecerá no hospital ata finais de novembro.
Aquí será igualmente itinerante, tentando chegar ao maior número de
profesionais, visitantes e pacientes durante este periodo tras o que continuará
seu percorrido cara ás sete principais cidades de Galicia.
Plan de Igualdade do Sergas
Neste marco de promover a cultura de
igualdade, o apoio a muller e o rexeitamento da violencia a Consellería de
Sanidade pactou o pasado ano, na Mesa sectorial de negociación do persoal
estatutario, co apoio unánime das organizacións sindicais participantes, o
primeiro Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde
(2021-2024).
Nesta liña, Sanidade está a traballar
activamente na execución das 59 medidas de actuación incluídas. As mulleres
representan preto do 80% do persoal do Servizo Galego de Saúde, o que as
converte no motor da sanidade pública de Galicia.