A XUNTA DESTACA O AVANCE DOS SERVIZOS DE RADIOTERAPIA NA SANIDADE GALEGA COA INCORPORACIÓN DE 14 NOVOS ACELERADORES LINEAIS DESDE 2015, E A FUTURA INSTALACIÓN DO CENTRO DE PROTONTERAPIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá nos actos conmemorativos do 25 aniversario da Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Meixoeiro de Vigo, un feito que cualificou como  clave na historia da sanidade galega en Vigo, e unha mostra de 25 anos de melloras continuadas no servizo e na atención sanitaria dos hospitais do Sergas.

García Comesaña destacou dous grandes períodos de renovación de equipamentos, que serviron para situar aos hospitais galegos, en xeral, e o hospital do Meixoeiro, en particular, na vangarda dos tratamentos oncolóxicos.

O primeiro destes procesos de renovación, destacou o titular de Sanidade, veu da man do convenio de colaboración asinado coa Fundación Amancio Ortega. Dotado cun importe de máis de 19 millóns de euros, e que permitiu adquirir, seguindo os criterios clínicos do Sergas, contar cun total de 28 equipos para a mellora do diagnóstico e tratamento do cancro.

En concreto, o Servizo Galego de Saúde puido incorporar 10 novos aceleradores lineais, (un deles intraoperatorio), actualización doutros dous, e 16 mamógrafos dixitais. Unha actuación que se completou coas obras necesarias para a adaptación dos espazos nos que se instalaron estes equipos.

Así mesmo, mediante estes fondos, o Hospital do Meixoeiro beneficiouse dun novo mamógrafo dixital e tres novos aceleradores lineais, o último incorporado o pasado mes de marzo. O importe deste equipamento ascende a un total de 5,3 millóns de euros, só para este hospital.

O segundo proceso de renovación estase a levar a cabo entre os anos 2022 e 2023, da man dos fondos europeos REACT e Next Generation, unha partida que a Xunta complementou con fondos propios. A través da canalización destes fondos, licitamos a adquisición de 76 novos equipos- por máis de 68 millóns de euros-, para todos os hospitais públicos de Galicia.

No que se refire a equipamento en Radioterapia, posibilitaron a adquisición de 6 novos equipos: un novo equipo de braquiterapia no Lucus Augusti, a renovación do equipo de braquiterapia no Complexo Hospitalario de Santiago, a renovación de dous aceleradores lineais do Complexo Hospitalario de Ourense e a adquisición de dous novos aceleradores lineais para o hospital Montecelo de Pontevedra.

En menos de sete anos, con estes dous procesos de renovación de equipos, a Xunta incorporou 14 novos aceleradores lineais que mellorarán a sanidade pública galega.

O Hospital do Meixoeiro de Vigo tamén se beneficiou da renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía en diagnóstico por imaxe e medicina nuclear, ca licitación por parte da Xunta de oito equipos por máis de 7,2 millóns de euros. Entre outros equipos, xa se adquiriron 3 novos TAC, un novo equipo de resonancia magnética e a renovación do PET, que será substituído por un equipo máis moderno. Ademais, esta adquisición completaranse nos próximos meses coa adxudicación de 3 gammácamaras.

Durante a súa intervención, o conselleiro agradeceu o servizo que prestou esta unidade a todo o sur de Galicia, e que serviu tamén de referencia e modelo para crear outras unidades de oncoloxía radioterápica en Galicia. 

Ademais, subliñou que as obras do Hospital de Montecelo e a adquisición de novo equipamento, van facer posible que bote a andar unha nova unidade de Oncoloxía Radioterápica neste centro sanitario. Unha actuación que permitirá evitar desprazamentos a Vigo dos pacientes oncolóxicos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e aliviar a carga asistencial da unidade do Meixoeiro.

Así mesmo, o conselleiro tamén destacou que os orzamentos de 2023 xa contan cunha partida reservada para iniciar en 2023 a construción do novo centro de protonterapia, que vai ser pioneiro en ofrecer este tratamento a pacientes da sanidade pública. 

Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Meixoeiro: unha referencia nacional 

O titular de Sanidade lembrou que a unidade de oncoloxía radioterápica do Meixoeiro, comezou a andar en xaneiro de 1997 e que arestora é unha referencia a nivel galego e nacional, pois contou cos primeiros acelerados lineais dos hospitais públicos galegos.

García Comesaña destacou que a unidade conta cun equipo excelente de profesionais, que mantiveron o nivel asistencial mesmo no ano máis duro da pandemia, pasando de 2.458 pacientes tratados en 2019, aos 2.477 no ano 2020. Estas cifras, seguiron mellorando en 2021, acadando un total de 2.694 pacientes tratados, e un aumento de máis do 21% das radiocirurxías respecto ao 2020.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde