​A SANIDADE PÚBLICA GALEGA APLICA A INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA DETECTAR INFECCIÓNS NO ÁMBITO HOSPITALARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2022
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde en Santiago, a xornada sobre ‘Novos Desafíos na Loita contra as Resistencias Antimicrobianas’, un encontro no que destacou a aplicación de intelixencia artificial para detectar infeccións no ámbito hospitalario galego.

O titular de Sanidade apuntou que nos últimos anos en Galicia desenvolvéronse diferentes intervencións no ámbito da sanidade animal e humana. Para isto, destacou que os hospitais públicos contan coa aplicación  InnoCBR, que facilita a detección destas infeccións. 

Esta iniciativa, pioneira a nivel nacional,  permite optimizar a información dispoñible nos ámbitos da microbioloxía clínica, laboratorio e prescrición farmacéutica.

“Evitar que as bacterias se fagan inmunes, facendo un uso responsable dos antibióticos, é un dos grandes retos da medicina moderna”, abondou o conselleiro; ao tempo que puxo en valor o traballo que se realiza cos programas de promoción da hixiene de mans e os proxectos cero nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) e Reanimación (REA); o paulatino asentamento do programas de optimización do uso de antibióticos (PROA), ou as iniciativas que desenvolve a Consellería do Medio Rural.

O conselleiro tamén subliñou o labor de coordinación que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública en Galicia no Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN), desenvolvendo entre outras actividades as relacionadas coa vixilancia das resistencias e o consumo de antibióticos, ou o control na saúde da poboación, entre outras.

Antibióticos e resistencia antimicrobiana

Os antibióticos forman parte da asistencia sanitaria desde o século pasado. Con todo, a extensión do seu uso, contribuíu á aparición de resistencias aos mesmos. Na actualidade, organismos internacionais como a OMS, ou a comunidade científica non teñen dúbida algunha de que a resistencia aos antimicrobianos, supón un dos maiores desafíos que presenta a saúde pública a nivel mundial. 

En documentos estratéxicos da propia OMS, indícase que a resistencia aos antimicrobianos “ameaza a esencia mesma da medicina moderna e a sustentabilidade dunha resposta de saúde pública eficaz e global á ameaza permanente das enfermidades infecciosas”. 

Recentemente, un estudo publicado na revista The Lancet estimou que en 2019,  a carga asociada ás infeccións con resistencia antimicrobiana causou case 5 millóns de mortes en todo o mundo e, máis de un millón das mesmas, atribuíuse directamente á resistencia aos antibióticos.

O tratamento destas infeccións, supón un gasto adicional de 1.500 millóns de euros cada ano na Unión Europea. Isto mesmo suporía un custo de 150 millóns de euros anuais no noso país. 

Ademais, o último informe sobre resistencias en Europa publicado polo Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC), elaborado con datos de 2020, indica unha mala posición de España en varias resistencias, como é o caso da  resistencia a fluoroquinolonas en E.coli, ou a resistencia a carbapenems en Acinetobacter. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde