O HOSPITAL TERESA HERRERA CELEBRA O DÍA MUNDIAL DO BEBE PREMATURO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2022

Coincidindo co día mundial do bebe prematuro, a unidade de neonatoloxía do Hospital Teresa Herrera, celebra, un ano máis, unha xornada para conmemorar este día.

O Dr. José Luis Fernández Trisac, xefe da unidade de neonatoloxía do Hospital Teresa Herrera, será o encargado de abrir a xornada coa charla “A historia da prematuridade contada ás familias”, onde abordará os fitos mais importantes desta disciplina, así como os últimos avances clínicos.

A longo do acto, a Asociación AGAPREM da Coruña, fará entrega do premio “Patuco de honra” á neonatóloga Maribel Taboada Perianes.

Como colofón a esta xornada, o Coro Infanto-xuvenil Cantabile, que nace da asociación que leva o seu mesmo nome, como un gran proxecto musical e social que integra a nenos e nenas, ofrecerá un concerto solidario para todas as familias e profesionais invitados ao acto.

O neonato prematuro

O Prematuro é aquel neonato que nace antes das 37 semanas de xestación. En España nacen cada ano uns 30.000 neonatos prematuros.

O gran prematuro é o que nace antes da semana 32 de xestación. Son pequenos que requiren sempre ingreso hospitalario, moitas veces en coidados intensivos, e que teñen risco de presentar complicacións importantes, especialmente a nivel pulmonar, dixestivo e neurolóxico. A maioría pesan ao nacer menos de 1.500 gramos. En España nacen cada ano uns 4.000 grandes prematuros.

A taxa de prematuridade (<37 semanas) permaneceu máis ou menos estable nos últimos anos, pero a taxa de grandes prematuros aumentou. Segundo os últimos datos, o 6,4% dos nacementos foron prematuros e o 0,9% foron grandes prematuros.

A Unidade de Neonatoloxía do Hospital Teresa Herrera forma parte do Servizo de Pediatría e está considerada como a de máis alta complexidade asistencial da comunidade autónoma de Galicia (nivel asistencial III-C), sendo a única da cidade que pode prestar toda a asistencia sanitaria que pode necesitar un prematuro, e que inclúe un equipo multidisciplinar formado por neonatólogos, pediatras, xinecólogos, cirurxáns, oftalmólogos, enfermeiras, fisioterapeutas e traballadores sociais.

Cada ano aténdense no Hospital Teresa Herrera uns 200 bebés prematuros e uns 50 grandes prematuros, dos cales aproximadamente a metade pesan menos de 1.000 gramos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde