O FUTURO CENTRO GALEGO DE CONTROL E PREVENCIÓN DE ENFERMIDADES CAPTARÁ TALENTO EN GALICIA A TRAVÉS DE NOVAS FÓRMULAS DE PROVISIÓN DE PERSOAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2022
O futuro Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades, anunciado pola Xunta o pasado mes de outubro, situará Galicia á vangarda na ciencia, calidade e seguridade referidas á Saúde Pública. O Centro, que dependerá da Dirección Xeral de Saúde Pública, aportará excelencia nos traballos de vixilancia epidemiolóxica, permitindo a retención e captación de talento, a través de novas fórmulas de provisión de persoal.  

Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa participación nos actos conmemorativos  do 50º aniversario do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. 

O titular da sanidade galega engadiu que, entre obxectivos do centro estará a implantación de estratexias que permitan un mellor control das enfermidades, a coordinación das accións necesarias e o impulso do traballo en rede con entidades sanitarias, académicas e investigadoras. Segundo avanzou Julio García Comesaña, con este proxecto o Goberno galego quere “ser capaz de de anticiparse e dar unha resposta rápida aos problemas que poidan xerarse no eido da Saúde Pública”, con estratexias de prevención apropiadas e inmediatas.

Durante a súa intervención, García Comesaña sinalou o papel relevante que a medicina preventiva debe ter neste novo Centro, indicando que a figura deste profesional estivo presente “no Comité Clínico que asesorou a Xunta nos momentos máis difíciles da pandemia”. 

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria, deu os parabéns a un servizo precursor, que xerou talento con máis de 50 especialistas de Medicina Preventiva e Saúde Pública. Un servizo que, nas últimas décadas, acadou fitos tan importantes como a acreditación da formación MIR; a colaboración coa USC en formación especializada e investigación en Saúde Pública, Epidemioloxía e Administración e Xestión sanitaria; ou a posta en marcha da Consulta do Viaxeiro e do Centro de Vacinación Internacional. 

Con todo, o Goberno galego entende que a pandemia non debe contemplarse como un episodio illado, senón que debe ser un punto de inflexión para incidir no reforzo da medicina preventiva e a saúde pública, así como nas políticas sanitarias asociadas a estes ámbitos. De aí que a aposta da Xunta se materialice na posta en marcha da Escola Galega de Saúde Pública; a licitación do Observatorio de Saúde Pública, cun investimento de case 1 millón de euros; e o impulso da formación, da investigación e a innovación. 

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou tamén nunha das mesas redondas deste evento que leva por título ‘Cinco décadas do Servizo de Medicina Preventiva’. 


 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde