A EXTRATEXIA DE XESTIÓN DO CANCRO EN GALICIA APROBADA POLA XUNTA IMPLANTARÁ UN NOVO PROGRAMA ASISTENCIAL DE SEGUIMENTO PARA AS PERSOAS QUE FINALIZAN UN TRATAMENTO ONCOLÓXICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2022
 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde no II Congreso de Persoas con Cancro e Familiares: “Galicia fronte ao cancro, facendo camiño”, organizado pola Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra e celebrado en Vigo. Neste evento, García Comesaña agradeceu o traballo imprescindible desta asociación a prol das persoas con cancro e das súas familias.

Así mesmo, o titular de Sanidade destacou que desde a Xunta de Galicia e desde o Sergas estase a traballar, da man dos profesionais, na constante busca da mellora da atención aos pacientes oncolóxicos. Neste sentido, subliñou a recen aprobada Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia, 2022-2028, coa que se pretende dar un salto cualitativo na abordaxe integral da atención oncolóxica. 

Esta Estratexia introduce diversas novidades importantes que se van sumar as xa implantadas pola Xunta, tales como: 

A implantación dun novo programa asistencial de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico, é dicir, ter moita conta dos longos superviventes.

A creación dunha rede colaborativa con atención primaria e outras especialidades para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas; sobre todo aquelas que requiran un diagnóstico precoz ou nas que a sospeita diagnóstica sexa complexa. 

Ou o deseño de algoritmos que, utilizando a historia clínica electrónica e o Big Data da Consellería de Sanidade, permitan identificar os factores de risco das distintas enfermidades oncolóxicas, establecer perfís de antecedentes e predisposición á enfermidade, e identificar as persoas sobre as que actuar, facilitando a proactividade.

Avances fronte ao cancro en Galicia

Xunto a estas novidades, o conselleiro de Sanidade fixo un repaso polas distintas medidas de prevención, de mellora da atención e de innovación fronte ao cancro que está levando a cabo o Goberno galego. 

Deste xeito, García Comesaña destacou, no eido da prevención, os Programas poboacionais de cribado, que contarán cun aumento do 70% no orzamento do ano que vén, e que neste momento son tres: o cribado de cancro de mama, estendido ao 100% da poboación diana e cunha taxa de participación do 82%. O programa de cribado de cancro colorrectal, que se implantou en 2013 e que dende esa data ata 2020 xa contou ca participación de máis de medio millón de galegos. E, en terceiro lugar, o programa de detección precoz do cancro de cérvix, que xa temos implantando nas áreas sanitarias de Lugo, Ferrol e Pontevedra e que no 2023 contará co orzamento para estendelo a toda Galicia.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria fixo mención ás melloras en atención oncolóxica. Dende a creación das vías rápidas, pasando pola implantación do sistema de garantía de tempos máximos, que garante a atención entre os 45 días para un diagnóstico; e os 60 días para unha intervención, ou a humanización das áreas de atención oncolóxica. Desracou tamén as melloras en equipamento, como a adquisición dos novos TAC con tecnoloxía espectral, que reducen as doses de radiación nun 50% sen perder calidade de imaxe, ou os robots Da Vinci, que supoñen un avance para profesionais e pacientes.

Por último, o titular de Sanidade incidiu na esperanza que proporciona o descubrimento de novos tratamentos contra o cancro. Un ámbito onde a Xunta quere situar a Galicia na vangarda, e nos que xa ten previstos dous proxectos que serán un antes e un despois no eido oncolóxico.

Un primeiro é un centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes. Unha obra que está en construción e que se prevé que empece a funcionar xa no 2023. E, un segundo proxecto, que ten como finalidade a incorporación á sanidade pública galega dun centro de Protonterapia, unha técnica moito menos invasiva de loita contra os tumores, que permite aplicar radiación ás células canceríxenas sen practicamente afectar os tecidos e órganos sans. A día de hoxe só dous hospitais privados en España ofrecen este tratamento, polo que o Goberno galego está traballando para que Galicia sexa pioneira en ofrecelo a pacientes da sanidade pública. Neste senso, o edificio que albergará este centro en Galicia xa conta cunha partida asignada nos orzamentos do ano que ven.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde