GALICIA MELLORA A ATENCIÓN ÁS ENFERMIDADES RARAS COA INCORPORACIÓN DE TRES PATOLOXÍAS MÁIS AO PROGRAMA GALEGO DE CRIBADO NEONATAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 11 2022
O conselleiro de Sanidade destacou hoxe na apertura da XXX Convivencia de Enfermidades Metabólicas no Carballiño que a Xunta mellorará a atención ás enfermidades raras coa incorporación de tres patoloxías máis ao Programa Galego de Cribado Neonatal. 

 Concretamente, Julio García Comesaña mencionou que a Atrofia Medular Espinal, a Inmunodeficiencia Combinada Grave e a Hiperplasia suprarrenal conxénita se integrarán no Plan Galego de Cribado Neonatal e “incidirán no reforzo da atención ás enfermidades raras e na protección da saúde da poboación infantil galega”.

Neste senso, o Goberno galego conta cunha Estratexia en Enfermidades Raras, que promove a abordaxe integral das mesas. No marco desta estratexia, existen tres unidades funcionais multidisciplinares, que xa funcionan desde este ano en Santiago, A Coruña e Vigo, e xa están prestando asistencia especializada aos pacientes.

Julio García Comesaña lembrou que Galicia conta cunha das carteiras de cribado neonatal máis ampla de todo o Estado, “que ademáis das 7 patoloxías que recolle a carteira básica do Servicio Nacional de Salud abrangue o cribado de ata 30 patoloxías”.

O conselleiro destacou a importancia do programa de cribado neonatal, amplamente consolidado e que supera o 99 por cento de participación. “Entre xullo de 2000 e decembro de 2021 diagnosticáronse 611 pacientes con enfermidades obxectivo deste programa, tras analizarse as mostras de máis de 434.000 nenos no laboratorio de Metabolopatías do Hospital Clínico”.

As enfermidades raras afectan a entre un 5 e un 7 por cento da poboación. No caso de Galicia, a uns 200.000 galegos. Estímase que existen na actualidade entre 6.000 e 8.000 enfermidades raras distintas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde