O PERSOAL ANESTESISTA DO SERGAS REALIZOU MÁIS DE 113.000 CONSULTAS E PARTICIPOU EN MÁIS DE 105.000 INTERVENCIÓNS NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2022
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 11 2022
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá en Vigo na Reunión anual da Asociación Galega de Anestesia, Reanimación e Dor, onde destacou a excelente contribución de xornadas coma esta por achegar o saber e a experiencia máis actualizada desta especialidade.

O titular de Sanidade destacou os distintos fitos que levados a cabo polos anestesistas do sistema galego de saúde, tanto en actividade asistencial como en calidade asistencial. 

En cantidade, os anestesiólogos galegos atenderon, só no primeiro semestre de 2022, máis de 113.000 consultas, unha cifra que aumentou en máis de catro mil respecto ao ano pasado, superando as 109.000 consultas do primeiro trimestre de 2021. Estas cifra, segundo o conselleiro, indican unha recuperación da actividade asistencial poscovid nesta especialidade. Estes datos, trasladados á actividade cirúrxica, significan a participación dos anestesistas en máis de 105.000 intervencións no primeiro semestre deste ano, 8.000 máis que as 97.000 do mesmo período de tempo do ano pasado. 

En segundo lugar, no que se refire a calidade asistencial, García Comesaña salientou o premio que acaba de recibir a Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense, a primeira de España acreditada coa nova norma ACDON (de Acreditación da Dor Oncolóxica), un galardón outorgado pola Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA).

Segundo a SECA, a Unidade da Dor deste hospital de Ourense realizou un procedemento impecable que se iniciou antes da pandemia, cunha avaliación preparatoria da acreditación, que permitiu observar cal era a situación e traballar os estándares de calidade nun proceso de mellora continua, que lle permitiu obter o máximo nivel previsto para esta acreditación, o de Excelente.

De igual xeito, o conselleiro tamén se referiu á licitación por 5,3 millóns de euros para a renovación de case 100 novos sistemas de anestesia para os bloques cirúrxicos dos hospitais das sete áreas sanitarias.  

Estes novos equipos incorporan, entre outras tecnoloxías, o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde, pois permiten unha mellora na temperatura corporal. Non só mellorarán a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos, tamén reducirán emisións de gran impacto ambiental.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde