O SERVIZO DE FARMACIA DO CHUAC PREMIADO NA RUTA DA INNOVACIÓN EN FARMACIA HOSPITALARIA DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 11 2022

O traballo presentado polo servicio de farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), Sedación paliativa en atención primaria. CódigoInfusor, foi distinguido na Ruta da Innovación en farmacia hospitalaria de Galicia 2022.

O proxecto desenvolvido polo servizo de farmacia do CHUAC, denominado “Sedación paliativa en atención primaria. CódigoInfusor”, consiste nun traballo de coordinación entre os niveis asistenciais de atención primaria e hospitalaria, para protocolizar, estandarizar e mellorar o acceso aos medicamentos utilizados con máis frecuencia na sedación paliativa por parte dos profesionais sanitarios de atención primaria.

Para levar a cabo este proxecto seguíronse uns criterios clínicos e éticos para a utilización da sedación paliativa como opción terapéutica para o tratamento dos síntomas refractarios asociados ás enfermidades na etapa final da vida, evitando asi o sufrimento destes pacientes.

Deseñáronse 3 kits de medicamentos para a administración mediante un “INFUSOR” que libera os medicamentos ao longo de 72 horas, e que se administra no domicilio do paciente por parte do persoal de enfermería e médicos de atención primaria. Cada vez que se utiliza un kit, o médico responsable do paciente realiza unha interconsulta ao servizo de farmacia do CHUAC a través da historia clínica informatizada. O servizo de farmacia recibe esta consulta, anota na historia clínica do paciente o kit utilizado, e realiza a reposición do kit ao centro de saúde.

Actualmente o proxecto CodigoInfusor atópase en fase de proba piloto nos centros de saúde de Betanzos e Carballo, e xa se trataron 45 pacientes. O obxectivo é poder estender CódigoInfusor ao resto dos centros de saúde da área sanitaria da Coruña e Cee

A Ruta da Innovación, cuias distincións foron entregadas aos responsables dos proxectos gañadores nun acto celebrado no CHUAC, é unha iniciativa da Fundación Profesor Nóvoa Santos e Roche Farma España que ten como obxectivo distinguir boas prácticas e impulsar a calidade e innovación nos servizos de farmacia hospitalaria en beneficio da calidade asistencial.

Os outros dous proxectos gañadores foron a Creación da Unidade de Investigación e Innovación no Servicio de Farmacia do CHUS e o Proxecto de administración de tratamentos antineoplásicos en domicilio do Servizo de Farmacia do HULA.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde