O SERGAS ELEVARÁ EN 2023 POR RIBA DOS 7,5 MILLÓNS DE EUROS AS ACHEGAS ÁS ENTIDADES DE ATENCIÓN Á DROGODEPENDENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 11 2022


As partidas previstas para convenios con entidades de atención á drogodependencia no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 superan por primeira vez os 7,5 millóns de euros, o que significa que aumentaron un 16% ao longo desta lexislatura, dende o ano 2020”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita á Asociación Ferrolá de Drogodependencias, Asfedro, acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio.

Tal e como destacou o responsable da sanidade pública galega, dentro deste orzamento hai unha cantidade para convenios de incorporación social e para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos. Neste segundo grupo atópase o convenio con ASFEDRO, que no vindeiro ano, -tal e como destacou o conselleiro-, “vai superar por primeira vez o millón de euros”, o que supón que, nesta lexislatura, o departamento sanitario incrementa en case 120.000 euros a achega anual que o Sergas fai a esta entidade.

O conselleiro comprobou na súa visita o traballo que fai esta entidade, “que xa nos constaba que era dun altísimo valor” e para escoitar as súas demandas e necesidades. Trátase dunha asociación cunha decena de traballadores que atendeu o pasado ano a máis de mil pacientes.

Do mesmo xeito, Comesaña destacou que outra importante entidade desta cidade, como é a Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra, vai superar os 125.000 euros no seu convenio, o que supón un 22% máis que no 2020.

Segundo incidiu o conselleiro, ademais de atender ás persoas afectadas por estas adicións, o principal obxectivo da Xunta é prevelas, por iso incrementou as achegas para programas de prevención. Así, dende este ano, o Goberno galego convocou dúas ordes de axudas por un valor conxunto de 4,5 millóns de euros, unha para programas promovidos por entidades locais e outra por entidades sociais. Estas dúas liñas de axudas, que abranguen o período 2022-2025, teñen un 8% máis de fondos que na anterior convocatoria.

125 Novos profesionais dende 2020

Nesta serie de medidas que está a levar a cabo o Executivo galego neste eido, Comesaña destacou que a Consellería de Sanidade constituíu, no pasado mes de abril, os grupos de traballo que procederán a elaborar o Plan de trastornos adictivos de Galicia 2023-2026, que están integrados por persoal da Xunta e dos concellos e entidades sociais que traballan no campo das adiccións, da prevención, da asistencia e a incorporación social. Este plan de trastornos adictivos vai ser complementario ao de Saúde Mental de Galicia, que permitiu á Xunta contratar xa a 125 novos profesionais dende 2020. Con estes profesionais, -e tal e como destacou o conselleiro-, a Xunta dotou á área sanitaria de Ferrol dunha unidade de prevención ao suicidio ou dun reforzo da atención á saúde mental das persoas que viven nas residencias sociosanitarias.

Este ano, -proseguiu Comesaña-, os orzamentos da Xunta crean 61 prazas máis para profesionais da saúde mental, incluídas as que permitirán poñer en marcha nesta área sanitaria un hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil. Sendo conscientes da escaseza de profesionais especialistas, e para garantir que se poidan cubrir esas prazas, a Xunta, -subliñou o responsable do Sergas-, fixo este ano algo innovador que é solicitar unha habilitación legal para poder cubrir por concurso de méritos, sen oposición, os postos previstos no Plan de Saúde Mental.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu que a Xunta está a traballar nunha asistencia o máis completa posible á saúde mental e aos trastornos aditivos, tanto na prevención como no tratamento e o fai con máis profesionais e recursos no sistema público e con máis colaboración e máis orzamento para financiar a entidades sociais como ASFEDRO, “que coñecen de primeira man este sector e son fundamentais para chegar a estes pacientes”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde